Lois foi, sobre todo, un viaxeiro. Érao antes de sequera moverse de Monforte, érao de corazón, interiormente, un nómade sempre á procura de novas cousas, de novos lugares. Como escribe Mario Regueira, “Lois moveuse na vida como se moven as persoas que habitan as fronteiras. O seu propio transcurso vital, na volta á casa de regreso das viaxes, xa o presenta coma unha persoa disposta a moverse no límite que marca a vida co seu final”. Lois foi viaxeiro, na práctica, percorrendo durante meses toda Europa en varias ocasións. Os anos que pasou en Madrid, sobre todo, foron tamén a época de visitar aqueles mundos que coñecía soamente por referencias literarias ou cinematográficas. Viaxes iniciáticas por Europa, percorrendo en tren toda Centroeuropa, Gran Bretaña ou Irlanda, nas que atopaba reencarnados na Bretaña os labregos do Incio, “e nas estacións de tren de Alemaña o mesmo cheiro agre a creosota das vías monfortinas”, en palabras do seu irmán Xosé Manuel. Sempre en peregrinación ás casas nas que viviran os seus referentes literarios.

Como relatou Piedad Cabo, con quen percorreu estes países, “nesa viaxe iniciática, como non podía ser doutro xeito, percorréramos os países celtas tras a senda dos grandes escritores que iluminaran a nosa adolescencia”. Antón Patiño salienta que nesas viaxes Pereiro foi “nómade existencial seguindo a ruta de Joyce en Dublín, paseando solitario por Edimburgo na procura do escintileo dun poema. Viaxando nun tren nocturno cara unha Centroeuropa mítica. Deica atopar en Berlín imaxes exteriores”. Cunha certa e sá obsesión por coñecelo todo, por chegar até o final de todo, na procura da súa esencia: “expresando aquela intensa axitación por querer achegarse até o último recanto no labirinto das rúas descoñecidas”.

As viaxes por Europa, que deixaron unha fonda pegada no espírito de Lois, son lembradas hoxe polos seus amigos, que como Fernando Saco, o acompañaron nalgún momento: “Eu fun con Piedade e con Lois a Berlín no ano 1983. En realidade, percorremos media Europa en tren. De Monforte a Madrid e de Madrid a Xenebra por Port Bou (…) De Viena fomo a Munich e a Bonn, onde collemos o transeuropeo para Berlín. ‘Trans-europe-express”, cantaba Luisón sen cesar parodiando a Kraftwerk (…) O rapaz escocés fíxonos unha caricatura: nun cadro, un home cunha boina: “Old Galician”; no outro, un punki: “New Galician”. Berlín era o noso”. Nestes espazos Lois Pereiro descobre un mundo novo. Non lle interesa Berlín por Berlín, nin París por París. A súa patria son os arrabaldes, as marxes, e dentro deles, a xente que os habita, os desposuídos, os migrantes e inmigrantes, coma el.

Como escribe Mario Regueira: “Lois fala dos barrios e dos arrabaldes, sitúase nese límite industrial das cidades e é capaz de capturar delas as súas personalidades máis ocultas. Non é Madrid, son Chueca e Libertad. Non é París, é Sant Denis. Non é Hamburgo, é o mítico Saint Pauli, porto e centro vital de punks e prostitutas. Non é Berlín, é o Kreuzberg, o barrio pegado ao muro na parte occidental, coñecido coma o pequeno Estambul pola profusión de inmigrantes e o carácter multicultural. Por aí pasea Lois con fame de kebab, empapándose e sendo consciente do específico da diferenza”. Mario Regueira destaca que para Lois as marxes industriais de Bilbao eran as mesmas de Alemaña ou de Madrid. Para Lois, a verdade, a xente boa, estaban aí: “Así aparece Rentería, Barakaldo e Sestao, o cinto industrial deforme dunha Euskal Herría que vive ademais nun estado de guerra particular e urbana, unha guerra que tamén é de fronteiras. A ría de Nervión na que desemboca o Ruhr, coma se a realidade industrial de Europa fose un continuo constante de barrios periféricos e mocidades desencantadas na procura dun futuro que non existe”.

Anton Patiño engade que os textos de Lois Pereiro están “atravesados por un murmurio múltiple: pigmentado pola pluralidade de formas da vida. Aberto á descuberta de novas realidades, a súa é unha irmandade profunda coa humanidade ao traveso do ecoar lendario de moitos referentes literarios queridos. A literatura nómade das viaxes que fan da alteridade o eixo decisivo. Un espello “outro” para nos contemplar. O impulso de novidade que representa este contrapunto na poesía galega é notable (xa que adoita ficar ensismesmada de abondo no fascinio pola paisaxe autóctona). A modernidade literaria para Lois Pereiro vai xurdir dende unha ollada cosmopolita: aberta a mundos simultáneos nunha pulsión nómade”.

Como escribe Antón Patiño, “os poemas van reflectir o fascinio por outras xeografías. A chamada doutras paisaxes. Teimaba o poeta nunha conversa con Ana Romaní na necesidade de fuxir da endogamia cara escenarios de aventura: menciona daquela a Joseph Conrad como emblema dunha vontade de apertura e viaxe cara inéditos horizontes. Toda a súa poesía primeira está atravesada polo contrapunto exótico: outros nomes, outras miradas, moitos topónimos de cidades, nomes de continentes arredados, países afastados e rexións de todo o mundo: California, Europa, Praga, Edimburgh, Escocia, Mar do Norde, Lisboa, Sligo, Dublín, Austria, Barakaldo, Rentería, Sestao, Chiapas, Ruhr, Kreuzberg, Berlín, Italia, Francia, Salzburgo, América, Illinois, Chicago, Australia, Hong-Kong…, como referencias que puntúan de xeito sonoro os seus escritos e poemas”. As experiencias recollidas nestas viaxes ficaron recollidas nalgúns dos seus versos:

O tren fura paisaxes coma un piollo/ nos cabelos escuros/ da Escocia escurecida… (Edinburgh, Edinburgh)

…nesa atmosfera ardente e muscular/ infectada co meu abatimento/ que envellece desértico en Europa… (Dous minutos nun baile de derviches)

…Fumes de Barakaldo Renteria Sestao/ invernías nos corpos desde dentro e ferro húmido/ nos aceiros da Ría de Nervión co Ruhr cruzado/ nos trens da Deutsche Bahn tocando carne de/ Sant Pauli (Alerta e vixiante)

Lois Pereiro viaxou, viaxou, migrou, até o final. Sempre tivo na cabeza o texto ‘Migración’, de Raymond Carver, no que o autor escribe: “De ahora en adelante non parará. Viaja día y noche, sin cesar. Hasta que llegue a un sitio que sólo él conoce. Un lugar del Ártico, frío y gélido. Donde piensa: ‘Esto será lo bastante lejos. Este es el sitio’. Y se tumba porque está cansado”. O propio Lois Pereiro fixo referencia a este fragmento en varias das súas obras, coma na Conversa Ultramarina, cando lle escribe a Piedad Cabo: “De viaxe, por fin, camiño de Santiago, pero coa vista posta xa non sur. A viaxe aínda é cara ao Sur, non cara ao Ártico. Síntome vivo e poño a música do coche a todo volume”. Sempre viaxando, sempre migrando, sempre en movemento.


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.