1. Como era Lois

Lois Pereiro era poeta porque era Lois Pereiro era persoa. Como escribiu X.M. Eyre, “queda moito aínda por falar de Lois Pereiro. Sobre todo do Lois poeta. E eu, crítico, debátome. Unha razón que me leva a debruzar sobre os dous poemarios. Outra a querer reivindicar a persoa. Porque os poetas son, antes ca nada, persoas; persoas non por naceren humanos senón porque tenden a ser moi conscientes do que significa ser humano, do humanismo como característica esencial do ser humano…en lugar da billeteira capitalista”. Lois Pereiro foi un símbolo de moitas cousas, un símbolo do seu tempo. Como símbolo utilizouse como estilete contra o canon, contra o sistema literario galego, contra a propia Academia. Ben o escribiu Iago Martínez nun artigo en Xornal de Galicia: “convertémolo en reverso de todo o que hai. A falta de comité de empresa lanzámolo contra a patronal da literatura. Desculpa, Lois”. Se cadra, as homenaxes retiraranlle a Lois certa impostura de símbolo, de artefacto contracultural, de aura de malditismo. Ben estará. A poesía de Lois Pereiro resiste o combate en campo aberto, gaña coas lecturas e co coñecemento e de feito faise máis antisistema cando se pasa por riba dos tópicos. Tamén a persoa.

Lois Pereiro era “un radar” capaz de detectar toda vangarda, en palabras de Rivas, que incorpora a figura da “portadora”, da muller galega que leva moitas cousas sobre a súa cabeza: “Lois levaba música, levaba imaxes, levaba fíos”. No limiar de Poemas para unha Loia Rivas salientou que “Lois tiña a condición dun aura que facía agromar o mellor do lugar e do grupo, o mellor de cada un. Era unha presenza creadora”. Na imaxe de Lois Pereiro que se foi creando nestes anos hai algúns elementos de simplificación e mesmo algunha falsidade. Acolleuse a Lois como símbolo e estereotipo dunha década, dunha xeración, ás veces dunha maneira demasiado xenérica, sen afondar na persoa que foi. Como escribiu Manuel Rivas no obituario que publicou en El País en 1996: “o que cumpría era seguirlle os pasos a Lois. Escoitar a súa música. Ler os seus libros. Ver as súas películas. Telo ao lado para espantar o frío. Non había nel nada de gurú. Era só un rapaz enxoito e desperto que andaba ás zancadas pola beira curiosa da vida (…) Non era estrondoso, nin bullangueiro, nin provocador, no sentido de chamar a atención. Ben ao contrario, era discreto e dunha inquedanza calma”.

Xosé Manuel Pereiro destaca, sobre todo, á persoa: “Ten unha imaxe descarnada, aguzada, incisiva, metálica, e iso era certo. Pero despois era un tipo moi divertido, era o mellor tipo para estar nunha terraza con el, porque era un observador tremendo, era o mellor compañeiro do mundo porque era un saco de ironía. Non era un tipo que contaba chistes na barra dun bar, pero era un tipo moi simpático, moi divertido”. O seu irmán Xosé Manuel conclúe: “Eu bótoo de menos máis como persoa, porque era unha persoa enriquecedora”. Como escribiu Manuel Rivas, Lois Pereiro “non era estrondoso, nin bullangueiro, nin provocador, no sentido de chamar a atención. Ben ao contrario, era discreto e dunha inquedanza calma, como certos homes que prefiren pasear a súa sombra polas rúas molladas. Pero endexamais pasaba desapercibido. Ben ao contrario, o ser de Lois tiña a condición dun aura que facía agromar o mellor do lugar e do grupo, o mellor de cada un. Era unha presenza creadora, coma se estivera permanentemente enmarcado nun atraente fotograma nostálxico”.

Manuel María escribiu que Pereiro era o poeta galego que máis se asemellaba a Rosalía. O mesmo pensa Manuel Rivas, que escribiu en referencia ao segundo poemario de Lois Pereiro que “no se había escrito un texto poético más íntimo y conmovedor en lengua gallega desde el Follas Novas, de Rosalía”. A súa ligazón con Manuel Antonio é máis evidente aínda e ademais foi un vencello consciente, pois foron a poesía e o pensamento do rianxeiro os que moveron a Pereiro a escribir en galego. Para O Leo, “é curioso que de repente se empece a conectar a Lois con alguén, porque até agora escoitábase que era unha rareza, como moito dicíase que era o elo entre a xeración dos oitenta e dos noventa. Estaba sen estudar, ninguén lle facía caso”.



Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.