A Biblioteca de Fillos de Galicia inicia a publicación dun especial sobre o poeta monfortino Lois Pereiro, homenaxeado neste ano 2011 nas Letras Galegas. Pereiro morreu novo, mais tivo unha vida intensa, sempre na vangarda literaria e sempre acorde co seu tempo, os anos setenta, oitenta ou noventa que tan ben representou na súa vida e na súa obra. Hoxe é un dos poetas máis recoñecidos en Galicia, sobre todo entre as súas xeracións, que como lembra un dos seus biógrafos “intercambian os seus libros nos institutos, como intercambian os discos do seu grupo favorito”. Lois Pereiro non foi un emigrante nun sentido estrito, mais residiu moitos anos en Madrid, onde estudou e traballou, até que se viu afectado polo chamado Síndrome Tóxico do aceite de colza, que a comezos da década dos oitenta provocou a morte de centos de persoas en toda España e que deteriorou moitísimo a saúde de Pereiro.


Lois Pereiro, pois, experimentou as sensacións de ollar a Galicia dende a distancia, relacionándose ademais cos milleiros de galegos que por un motivo ou outro residían en Madrid neses anos. Nun dos seus poemas, de feito, afirma de xeito retranqueiro que Monforte non existe, senón que é “o invento dos monfortinos na emigración”. Verso, que por certo deu nome a unha exposición sobre o poeta que acolleu o Concello de Monforte neste 2011. As súas reflexións sobre Galicia e a condición de ser galego son constantes tanto na súa poesía coma na súa breve pero excelente obra ensaística.


Lois Pereiro pode non ser un emigrante en senso estrito, mais si era un migrante, unha persoa en constante movemento, desexoso de captar e coñecer cada recuncho dos lugares que o ían acollendo, aquí e alí. Viaxou durante meses por Europa occidental, de Edinburgo a Hamburgo ou Viena e sobre todo Berlín, que tan ben coñeceu.


Como afirmou o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, nun acto de homenaxe ao poeta, celebrado no Centro Gallego de Bos Aires, aínda que Lois Pereiro nunca estivo en Arxentina, “si se lle pode considerar a todos os efectos como un emigrante”, pois “fose no ámbito cultural ou económico, sabía que a experiencia de Pereiro era semellante á de moitos dos que estaban na sala”. Camba afirmou que Pereiro “foi un artista que desexaba para Galicia maiores cotas de creatividade, de futuro, de liberdade, para converter o noso país en referente en todos os aspectos e evitar a sangría poboacional que durante moitos anos estragou a nosa terra”.


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.