Archive for Abril 27th, 2011

Bacallau ó xeito da Coruña

Ingredientes:

  • 250 g de bacallau en migas desalgadas
  • 4 patacas medianas
  • 4 porros ( só a parte branca)
  • 2 dentes de allo
  • 1 culler de pemento doce
  • 1 culler de vinagre
  • Un vasiño de pasas sen pebidas
  • Aceite de oliva

Descrición:

  1. Se non temos o bacallau desalgado pómo-las migas a desalgar en auga fría premendo coas mans para que solten o sal e cambiando de auga cada 30 minutos, así polo decurso de 2 horas.
  2. Limpámo-los porro se cortámolos en anacos duns 2 cm.
  3. Pelamos e lavámo-las patacas, cortámolas en cachelos duns 2 cm. de groso e botámolas nunha pota xunto cos porros, cubrímolas con auga e pómolas a ferver durante 20 minutos, sen ou con pouco sal.
  4. Cando leven fervendo 15 minutos engadimos o bacallau desalgado e deixamos ferver 5 minutos máis. Antes de escoalas, probámolas de sal e rectificamos se fixera falla.
  5. Pasado o tempo escoámo-las patacas mailo bacallau e botámolas nunha bandexa de pór á mesa
  6. Nunha tixola, cunhas 5 culleres de aceite, botámo-los allos, cortados en láminas, e cando empecen a dourar botámo-lo pemento doce, pero antes afastamos a tixola do lume para que non se queime o pemento.
  7. Coa tixola afastada engadimos o vinagre e, logo de remexer ben, regamos con esta mestura a bandexa de patacas e bacallau.
  8. Engadimos tamén as pasas sen pebidas que teremos postas a remollo 1 ou 2 horas antes
  9. Deixamos repousar un pouco e servímolo quente.

Notas:

  • Convén que as migas de bacallau queden un chisco salgadas, pois se quedan sen ningún sal perden a gusto e non son tan gorentosas; é por iso que non lles botamos sal ou botamos pouco ó pór a ferver as patacas e probamos e rectificamos de sal antes de escoa-las.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4

Arroz negro con froitos da mar

Ingredientes:

  • 400 g de arroz
  • 1 lura
  • 24 mexillóns
  • 24 ameixas
  • 30 bígaros
  • 1 cebola mediana
  • 1 pemento verde
  • ½ pemento vermello
  • 2 dentes de allo
  • 1 sobre de tinta de lura
  • Aceite de oliva
  • Sal

Descrición:

  1. Pomos unha cazola ó lume con 3 vasos de auga e cando ferva botamos nela os mexillóns limpos e deixámolos coceren. Segundo abran ímolos quitando e sacándolles a carne. Reservamos.
  2. Logo na mesma cazolo botámo-las ameixas e segundo abran quitámolas e sacámoslles a carne que xuntamos coa dos mexillóns.
  3. Agora tamén na mesma cazola  botámo-los bígaros e deixámolos coceren 3 minutos. Logo disto quitámolos da cazola e cun alfinete sacámoslle a carne e reservamos coa das ameixas e mexillóns.
  4. Coámo-lo caldo das coccións e reservámolo.
  5. Nunha cazola baixa e ampla con aceite amolecémo-la cebola, o allo mailos pementos picados miudiños.
  6. Cando estea mol engadímo-la lura limpa e cortada en tiras non moi grandes e refogamos uns 2 minutos
  7. Logo engadímo-lo arroz e refogámolo un pouco antes de botar a auga da cocción coada. (2 medidas de auga por 1 de arroz). Neste intre engadimos tamén a tinta de lura mesturada coa auga e pomos a punto de sal.
  8. Pómolo a fogo forte uns 8 minutos e logo 12 minutos a fogo baixo só para que se manteña a fervura.
  9. Uns minutos antes de rematar o tempo engadimos os mexillóns, as ameixas mailos bígaros.

Notas:

  • Podemos engadir outros “froitos” da mar e pór aqueles que máis non gusten

Tempo: 40 minutos

Comensais: 4