Archive for Abril 13th, 2011

Arroz caldoso con lumbrigante

Ingredientes:

  • 500 g de arroz bomba
  • 1 lumbrigante medianocenoria,
  • 1 porro
  • 1 cebolas medianas
  • 1 cenorias
  • 1 pemento verde
  • ½ pemento vermello
  • 1 dente de allo
  • 1 tomate maduro
  • 1 chorro de brandy
  • 1,5 l de caldo (1cebola, 1 cenoria, 1 porro)
  • Azafrán
  • Aceite
  • Sal

Descrición:

  1. Cocémo-lo lumbrigante 15 minutos en auga con pouco sal.(logo nesta auga imos facer o caldo)
  2. Apartamos a cabeza do lumbrigante e pelámo-la cola mailas pinzas
  3. Na auga de coce-lo lumbrigante facemos un caldo con ½ cebola 1 porro, 1 cenoria maila cabeza do lumbrigante. Coamos e reservamos quente
  4. Amolecemos nunha paella con aceite as verduras mailo tomate, pelado e sen pebidas, todo picado miúdo, botámoslles sal
  5. Cando as verduras estean amolecidas engadímo-lo azafrán e un chorro de brandy e deixamos facer uns minutos. Logo disto engadímo-lo arroz e refogámolo
  6. Logo engadímo-lo caldo ben quente (3 veces de caldo que de arroz) e deixámolo facer primeiro 10 minutas a fogo forte e logo outros 10 a fogo suave pero que non pare de ferver. Se vemos que queda seco engadimos máis caldo. O arroz ten que quedar caldoso.
  7. Cando falten 5 minutos engadimos a cola do lumbrigante cortada en medallóns e  as pinzas pola metade.
  8. Deixamos repousar tapado uns 5-10 minutos e servimos.

Tempo: 45 minutos

Comensais: 4 persoas

Polo á prancha con prebe de iogur

Ingredientes:

  • 4 coxas

Para o prebe

  • 3 iogures de leite enteiro
  • 2 culleres de perexil picado
  • ½ culler de pemento doce
  • 125 g de queixo azul

Descrición:

  1. Pomos tódolos ingredientes do prebe nun vaso do batedoiro agás o perexil que pomos a metade e triturámolo todo ata mesturalo ben.
  2. Pasámolo a unha cunca e reservamos. Sacámoslles os osos as coxas ou mandámosllo facer ó carniceiro se nós non sabemos.
  3. Salgamos un chisco e facémolas a prancha polo decurso de 4 minutos por cadanseu lado.
  4. Servímolas nos pratos con un pouco de prebe por riba e a maior parte pómola a un lado para ir untando segundo comemos. Adornamos cun chisco de perexil, picadiño miúdo, por riba do prebe.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4 persoas