Nesta antoloxía de poetas galegos en Cuba preséntase a catorce deles que tiveron a Galicia como referencia e fundamento dunha paixón patriótica que se manifesta nesa reiterada saudade que eles escolleron para o seu cántico. Lendo a cada un deles asistimos a esa lembranza que manifestan polos eidos patrios e que flúe en versos populares e en delicados laios. Moitos destes versos pódennos parecer atípicos, pesados ou imperfectos, mais de todos eles xurde a perfección que emanada desa dimensión comunal e de comuñón que manifestan pola terra nativa. Digamos, desde este punto de vista, que hai todo un potencial de impacto onde o poeta vibra en seus versos cando se encara a esa nostalxia de diversas frecuencias e matices e é aquí onde se asevera o mais profundo do universo galego, en seus diversos microcosmos, que se ven reverenciados na testemuña de cada un deles, manifestando esas vivencias que influíron na súa personalidade carismática e orientadora desas vivencias que son os dons mais propicios e orientadores do que cada un deles manifestou desde marxe cubana o sentimento pola marxe galega.

Dos poetas galegos en Cuba podemos ver unha serie de referencias comúns, como o lamento por unha terra irredenta, a denuncia contra as influencias caciquís e os malos gobernos que mantiveron a unha Galicia servil e pregada de frustracións, de indiferencias, e dunha secular sangría emigratoria que non permitiu un adecuado rexurdimento social e político que superase o atraso económico en que estaba sumido o noso país. Todos estes poetas aspiraron a que Galicia fose progresista e se puidera gobernar a si mesma: premisa e frecuencia de toda liberdade e soberanía. Mais o esencial desa liberdade, progreso material e intelectual están salientados nesta poesía. Iso quere dicir que a permanencia destes poetas en Cuba foron capaces de dimensionar o seu país de orixe e de obsesionarse, desde lonxe, pola solución dos problemas mais profundos que estando noutro país coñecían puntualmente. Cuba, foi para eles a terra de promisión, mais a que lles aportou unha nova dialéctica de ver doutra maneira o país de orixe e converténdose en animadores de puntuais denuncias, como as que vamos atopar en moitos destes versos.

O lector vai a decatarse dese amor común que manifestan por Galicia todos estes poetas e tamén da diferencia creativa que hai entre eles, non todos perciben a problemática galega como Curros Enríquez, Cabanillas, Lugrís, Blanco Torres e Neira Vilas, dos que apreciamos un nivel cualitativo importante do que tratan e do que suxiren desde Cuba, no marco doutra dimensión e comprensión de comprender a patria nativa con outros matices, alén dos que e facían desde Galicia.

Antoloxía dos poetas galegos en Cuba
Xosé Lois García
Toxosoutos
296 páxinas – 10€