Archive for Outubro, 2010

Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet, publicado en Cuba co título Cien horas con Fidel, ven sendo un repaso demorado pola vida, a obra e o pensamento dunha das figuras máis destacadas da historia recente da humanidade. Esta é a edición completa do libro. No verán de 2006, Fidel Castro foi sometido a unha intervención cirúrxica por causa dunha crise intestinal aguda; meses despois a televisión tráenos as imaxes dun Fidel convalecente, cun bolígrafo na man: revisaba e completaba a primeira versión desta obra con novas revelacións inéditas sobre a súa infancia, a súa familia e a historia de Cuba, as relacións co Che, con Hugo Chávez e con Evo Morales, a política internacional e o futuro do socialismo. Como eran os seus pais? Onde e cando se forxou o rebelde? Estivo o mundo no límite dunha guerra nuclear durante a “crise dos mísiles”? Que significou a presenza do papa Xoan Paulo II na illa en 1998? Que pensa da globalización neoliberal, da guerra de Iraq e do presidente Bush? Por que as autoridades cubanas aplican unha política de arrestos contra opositores ao réxime? Por que permanece na lexislación cubana a pena de morte? Que fan centos de médicos cubanos en países diferentes de medio mundo? Existe corrupción no Estado? Que futuro para a revolución despois de Fidel Castro? As orixes galegas; os galegos no asalto ao cuartel Moncada e no proceso revolucionario. Opinións sobre Fraga Iribarne; e un capítulo especial para as relacións co Estado español, personificadas en Felipe González e José Mª Aznar son algúns dos temas abordados neste groso volume de máis de seiscentas páxinas que constitúe un amplo percorrido pola controvertida figura de Fidel Castro, ao tempo que un apaixonante relato sobre o pasado, o presente e o porvir da Revolución cubana.

Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet
Ignacio Ramonet
Xerais
664 páxinas – 26,45€

Baseándose nos documentos descubertos ata entón nos que figura o apelido Colón, García de la Riega chega á conclusión neste libro publicado en 1914 que o descubridor de América puido nacer en Pontevedra en 1436 ou 1437, e seren seus pais Domingo de Colón, O Mozo, e Susana Fonterosa. Pontevedra contaba con dous facto-
res vantaxosos para ser a patria de Cristovo Colón: que no século XV había veciños con este apelido, e que tiña embarcacións que facían a ruta do norte ata Inglaterra e Flandes, e a do sur ata a illa de Sicilia.

A patria de Colón
Celso García de la Riega
Toxosoutos
200 páxinas – 13€

A Unión Barcalesa de La Habana representa a máis forte e senlleira entidade cultural-educativa dos emigrantes desta comarca no século XX. Creouse na capital cubana en novembro de 1907 e aínda ten vida de seu na actualidade. Na monografía reflíctense varios temas relativos á Unión Barcalesa: nacemento, organización, análise das súas memorias e libros de actas, actividades, creación e funcionamento das tres escolas erguidas pola Unión (Covas, Aro e Seoane), e finalmente a situación máis recente desta sociedade, que constitúe a única colectividade de emigrantes barcaleses organizada no mundo. O libro Son para Unión Barcalesa de La Habana foi editado pola editorial 3C3 en 2007, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, cadrando coa conmemoración do centenario da fundación desta entidade barcalesa na capital cubana. No texto de presentación deste volume dise que “o Val de Barcala foi un viveiro migratorio”.

Son para a Unión Barcalesa de La Habana (1907-2007)
Amancio Liñarez Giraut
TresCtres
186 páxinas – 12€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Antón, Dosinda, e Luís, os Quintelo, tres velliños gallegos, que foran propietarios da panadaría A Primavera, aparecen asasinados na súa casa de Primeira Xunta 780, no barrio bonaerense Belgrano. O xove funcionario e escritor Andrés Leiro amiga con Manuel Eiras, un seu veciño xubilado que vive aparentemente só en Madrid dende hai varias décadas. A lúa escintilaba por riba dos Everglades, cando Aurora, que regresaba encabuxada e medosa de limpar unhas oficinas, é atacada na Down Town de Miami … A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos é unha novela de intriga na que amodiño van converxendo, baixo a banda sonora dos temas dos Tamara, tres historias moi emocionantes de amores e rancores, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha familia de emigrantes galegos espallada polo mundo. Tres historias de saudades, tres relatos de exilios sentimentais escritos cunha prosa punxente e inusualmente fermosa. Unha emocionantísima novela sobre a emigración galega, gañadora do Premio Terra de Melide 2007.

A lúa dos Everglades
Xesús Manuel Marcos López
Xerais
192 páxinas – 17,45€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Hai unha Galicia que vive fóra das nosas fronteiras e que tamén existe. ¿Que dereitos políticos podemos concederlle? O debate ten raiceiras históricas, desde a Restauración ata os nosos días, e tampouco somos o único país do mundo que vive esa circunstancia.

Malia ser unha das cuestións que mereceron máis atención dos medios de comunicación galegos nos últimos anos, a problemática do voto dos emigrantes non é abondo coñecida. Este áxil ensaio xornalístico analiza a súa evolución histórica e realiza unha comparación co resto de países que permiten o sufraxio desde o estranxeiro. Fai unha radiografía das múltiples modalidades de fraude que permite o actual procedemento de votación e estúdanse as posibles solucións. O autor denuncia a continuidade na Galicia exterior da máis vella política caciquil da Restauración ao tempo que traza un retrato dos galegos na Latinoamérica de hoxe.

O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española
Anxo Lugilde
Galaxia
234 páxinas – 14,40€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Tras Cita na Habana, o libro de cómic onde Fran Jaraba deu a coñecer o personaxe de Maxi Torres, aparece Campos de Cuba, álbum onde se narran novos episodios do alzamento independentista cubano de febreiro de 1897. Daquela o goberno español enviara case douscentos mil soldados á illa de Cuba para intentar sufocar a rebelión independentista. Un deles é o compostelán Maxi Torres, estudante golfo, poeta impublicado e ilustre idiota, segundo a súa propia definición. A estes títulos engádese agora o de desertor. Maxi vive na Habana baixo unha falsa identidade. No comezo desta aventura é capturado polos seus antigos compañeiros de exército e levado á fortaleza do Morro, onde está a agardalo un consello de guerra con trámite previo a un máis que probable fusilamento. Pero Maxi vaise rebelar contra o seu destino… cunha pequena axuda dos seus amigos. Tamén entrará en contacto con Chinito, un xefe mambí que anda argallando unha importante operación que pretende cambiar o curso da guerra. Ao remate, vai ser Maxi quen intente cambiar o curso da operación de Chinito. Froito de catro anos de demorado e conciezudo traballo este novo libro de cómic supón a consolidación definitiva desta serie de Jaraba como a máis importante das publicadas ata hoxe en lingua galega.

Campos de Cuba
Fran Jaraba
Xerais
56 páxinas – 14,75€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

En 1895 estoupa en Cuba a terceira e definitiva das guerras da independencia. Un mozo compostelán sen un céntimo, Maxi Torres –estudiante golfo, poeta impublicado e ilustre idiota segundo a súa propia definición–, alístase voluntario no corpo expedicionario español e cruza o océano co único propósito de atopar na illa a súa amada, a actriz Lola Molina “La Argentinita”. Mentres rastrexa a pista de Lola, Maxi vese inmerso cada vez máis naquela guerra que, desde o outro lado do mar, se sentía como algo lonxano, véndose na obriga, en moitas ocasións, de tomar partido ante os acontecementos que o envolven. Tralos pasos de Lola percorrerá boa parte da illa e, como o heroe grego Ulises, ata o remate da súa odisea no se vai decatar de que o máis importante da viaxe estaba no camiño. Cita na Habana tamén é unha modesta homenaxe á memoria das víctimas da guerra do 98, cíviles e militares, dun bando e doutro e á daqueles que quedaron aquí a agardalos para sempre.

Cita na Habana
Fran Jaraba
Xerais
56 páxinas – 14,75€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

A construción da canle de Panamá nos albores do século XX é un dos moitos vínculos que anulan o dez mil quilómetros de distancia que separan América latina de Galicia. A obra que revolucionou o tráfico marítimo mundial fraguouse a base de suor galega, o que derramaron entre 1904 e 1914 miles de traballadores que embarcaron nos portos de Vigo e A Coruña para gañarse o xornal do outro lado do charco. Os obreiros, máis de 56.000 de distintas nacionalidades, tiveron que loitar contra a dureza dos traballos, a peste bubónica e a febre amarela. Despois dos antillanos, os españois eran os máis numerosos (sumaban o 20%) e a maioría eran galegos. “Tales eran as condicións de vida dos primeiros traballadores que non é de estrañar que moitos regresasen no primeiro vapor cara a Estados Unidos”, relata Juan Manuel Pérez no seu libro Pro mundi beneficio: Os traballadores galegos na construción da canle de Panamá, 1904-1914, publicado pola Fundación Pedro Barrié da Maza. Por iso unha das primeiras tarefas nas que participaron os galegos foi a creación de brigadas antimosquitos encargadas de fumigar toda a zona. Foi entón, cara a mediados de 1905 cando se contratou aos primeiros galegos, uns 400 que chegaron desde Cuba. Pagábanlles dous dólares ao día, o dobre do que gañaban na illa (antiga colonia española), porque adquiriran fama de traballadores duros e de gran rendemento; o que levou a algúns até a morte.

Ao tempo, en Galicia alzábanse voces contra esta emigración na que vían a escravitude disfrazada de fortuna. “Non vos deixedes enganar por anuncios que vos levan ao país da morte, onde o paludismo e as vexigas negras diezman aos europeos por milleiros”, alertaba un folleto que circulaba por Vigo na primeira década do século pasado. “Hai axentes sen conciencia -engadía- que por unha mísera comisión non poñen reparo en levar a compatriotas a un país enfermizo onde os mesmos negros non poden resistir”. “Ollo, españois, non asinar ningún contrato, que se o facedes quedaredes suxeitos como verdadeiros escravos”, exhortaba. De feito, a obra da canle xa se tentou no século XIX coa iniciativa francesa e fora abandonada por imposible por un mal proxecto e cun rastro de 22.000 mortos. Aínda así e a pesar de que España chegou a prohibir a emigración cara á canle de Panamá, foron miles os galegos que tiveron como destino romper o continente americano para abrir un paso entre o Pacífico e o Atlántico baixo o mando de Estados Unidos. Eran considerados como os mellores traballadores, quizá pola ansia de facer fortuna e de deixar atrás a miseria. O éxito do seu traballo corroborouno o Ancón, o buque norteamericano que coa súa travesía de 80 quilómetros inauguraba o 15 de agosto de 1914 o paso interoceánico.

Pro mundi beneficio: Los trabajadores gallegos en la construcción del Canal de Panamá
Juan Manuel Pérez
Fundación Pedro Barrié de la Maza
240 páxinas – 21€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Os pasos pola vida dun comunista galego é o libro autobiográfico de Perfecto Lorenzo Calviño, un comprometido activista nado na parroquia lalinense de Alemparte que vai ver publicada a súa vida case oito anos despois da súa morte. Lorenzo Calviño veuse na obriga de mobilizarse polo golpe militar ocurrido en Galicia en 1936, pero cambiou de bando tan pronto como puido e cruzou as liñas da fronte para incorporarse ao exército republicano. Conseguira a categoría de oficial, pero, tras o trunfo nacional en 1939 foi destinado a diversos campos de concentración distintos situados no sur de Francia. Participou na resistencia tras a invasión do país galo polas forzas de Hitler e, tras a liberación, sumouse e foi partícipe da operación guerrilleira do Val de Arán. Pouco despois retornou a España, xa que tiña a intención de participar na guerrilla.

Non tivo sorte e foi detido pola Garda Civil en Asturias, acabando nas costas cunha condena a trinta anos de cárcere, dos que cumpriría catorce en distintas penitenciarías franquistas. Foi liberado en 1959, aínda que no grao de liberdade condicional. Segundo explica a súa filla, Lor Lorenzo, o seu pai tivo a fortuna de ser apresado na comunidade asturiana, xa que á fronte da mesma estaba un primo seu co mesmo orixe, precisamente, na comarca dezá. De feito, ambos procedían da saga dos Sarandeses do Concello de Agolada. Eso, permitiulle superar toda a fase franquista e incluso vivir case dúas décadas e media do actual período democrático. Entre os documentos que figuran neste traballado exemplar aparece algunha fotografía súa incluida nos arquivos do Partido Comunista, así como numerosas instantáneas da súa interesante vida naqueles tempos de enfrontamentos e de albores do franquismo. As súas memorias, de guerra, exilio, resistencia, guerrilla e cárcere, foron escritas pola súa propia man, porque Perfecto era un comunista cunha man de ouro.

Os pasos pola vida dun comunista galego
Perfecto Lorenzo Calviño
A Nosa Terra
348 páxinas – 19,95€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

Os galegos de Galicia (que terminaron englobando no seu xentilicio a todos os españois), cruzan a historia arxentina. Con todo, a pesar da súa enorme incidencia demográfica e cultural, non abundan os estudos específicos sobre as súas representacións no imaxinario colectivo. O presente libro proponse saldar esa débeda, rastrexando as súas pegadas na prensa (Caras e Caretas), no sainete ou xénero mozo criollo, e na considerada alta literatura. Unha visión simplificada e ás veces ferozmente denigratoria, exprésase nos chistes de galegos. Anécdotas xocosas con personaxes galaicos, onde destacan tanto a franqueza como a inxenuidade, atópanse xa en obras de Juana Manuela Gorriti e Lucio V. Mansilla, e abundan no sainete e na literatura (sobre todo a memorialística) onde se vai cristalizando a súa imaxe como fieis criados e criadas domésticos, ou como honrados traballadores, en todo tipo de oficios. A medida que diminúe o fluxo de inmigrantes e que non poucos deles logran a meta do negocio propio, vai desaparecendo tamén a figura do criado e predomina a do honesto e confiable traballador, que, desde o Libro estraño (1899) de Sicardi e outros textos da época, chega até ficcións moi próximas.

A outra cara do estereotipo positivo (definido pola honradez inocente, a bondade, a contracción ao traballo) maniféstase no chamado icona galaica (Pérez Prado) das caricaturas que xa empezan a esbozarse en Caras e caretas cara a 1906, e que mostran un suxeito fornido co nacemento do cabelo (duro e de puntas cara arriba) case por encima das cellas, sen fronte, con fazulas sempre pilosas. Un tanto máis preto do orangután que do ser humano, a esta icona corresponden razoamentos bastos, torpezas e inconsecuencias. En parte por iso, unha das representacións que a literatura non termina de asumir é a de tantos galegos e galegas intelectuais: editores, escritores, tradutores, artistas e profesionais varios, que realizaron innovadores achegues. Pero non poucos autores contemporáneos traballan noutras direccións que desprazan ao colectivo étnico tanto da convencional honradez como da estolidez. Avós e avoas, pais e antepasados inmediatos deixan tamén unha marca indeleble en relatos da actualidade. Ficcións e memorias, así como moitos entrañables sainetes, capaces de complexidade e calidade estética, evidencian esta tensión constante entre as imaxes estereotípicas ou brutalmente caricaturescas, e a complexa riqueza de tantos individuos, presentes nos xenes e na memoria cultural da sociedade arxentina.

Los ‘gallegos’ en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa
María Rosa Lojo (Dir.), Marina Guidotti e Ruy Farías
Fundación Pedro Barrié de la Maza
20€


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.