Receita: Empanadiñas de polo e cogomelos

Ingredientes

Para a masa:

  • 125 ml de aceite (½ vaso)
  • 125 ml de auga (½ vaso)
  • sal
  • fariña a que admita

Para o recheo:

  • 100 g de peituga de polo
  • 100 bandexa de cogomelos
  • 1 cebola branca
  • ¼ de pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 dentes de allo
  • 1 chorriño do viño branco
  • Pementa e sal
  • Aceite de oliva

Descrición

  1. Para face-la masa das empanadiñas pómo-la auga mailo aceite e un chisco de sal nunha pota ó lume e cando estea quente que non fervendo retirámola do lume e engadímo-la fariña, pómola de novo ó lume e remexemos forte ata que estea ben ligada. Botamos esta masa no mesado da cociña enfariñado e seguimos engadindo fariña e amasando ata que non se apegue ás mans. Convén deixala algo máis preta do normal para traballala mellor co rodete e ó estirala non se rompa.
  2. Envolvémo-la masa nun film transparente e deixámola repousar nun sitio tépedo 30 minutos.
  3. Logo diso estirámo-la masa co rodete e coa axuda dun corta moldes ou dunha cunca de boca ancha imos facendo as obleas.
  4. Cortamos as peitugas en filetes e dámoslle volta e volta na tixola cunha pingada de aceite para que sexa máis doado picalas en anacos miudiños.
  5. Sazonamos o polo ó gusto cun pouco de pementa e sal.
  6. Picamos a cebolas, os pementos en anacos miúdos e botámolos nunha tixola con aceite quente deixándoos amolecer a fogo baixo ata que collan unha pouca cor pero que non se queimen.
  7. Engadímo-lo polo mailo allo picado moi miúdo e deixamos facer uns minutos remexendo de cando en vez
  8. Picámo-los cogomelos e engadímolos tamén e deixamos que se fagan.
  9. Pasados uns 3 minutos engadimos un chorriño de viño branco e deixamos reducir pero non de todo para que as empanadiñas queden zumarentas.
  10. Deixamos que arrefríe ben antes de por o recheo nas obleas.
  11. Pomos unha cullerada de recheo en cada oblea, pintámo-lo bordo con ovo batido e tapamos con outra oblea premendo a xunta cun garfo para selala.
  12. Fritímolas en abundante aceite de oliva ben quente.
  13. Segundo as empanadiñas estean douradas ímolas sacando do aceite e póndoas sobre un papel absorbente para que escorreguen o aceite.
  14. Servímolas quentes

Notas

  • Se non queres facer a masa das obleas podelas mercar xa feitas en calquera tenda, mais no é o mesmo
  • Podes empregar calquera clase de cogomelos, mellor se son collidos no campo pero os de cultivo non están mal.
  • Podes botar se queres brandy, viño de O Porto ou cervexa. O viño branco da terra de cada quen e unha boa opción.
  • Se as obleas son grandes podes pór máis dunha cullerada de recheo ou dobra-la oblea pola metade. Facer empanadiñas redondas ou de media lúa e cousa de cada quen.
  • Podes tamén facer as empanadiñas ó forno a 175ºC e non fritilas

Tempo: 1,5 horas

Comensais: 6 persoas

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.