Archive for Febreiro 22nd, 2010

Receita: Empanada Vexetal

Ingredentes para a Masa

  • 800 g. de fariña
  • 400 g. de auga
  • 25 g. de fermento
  • Aceite de oliva do sofrito
  • Sal

Ingredentes para o Refrito

  • 3 cebolas
  • 3 pementos verdes
  • 3 dentes de allo
  • 3 dl. de de oliva

Ingredentes para o Recheo

  • Cenorias, espinacas, xudias verdes, champiñons, allo, porro, etc… (en cantidade suficiente e ó gusto)
  • 150 g de xamón serrano(opcional)
  • ovo cocido e olivas (opcional)
  • aceite

(máis…)

Receita: Croquetas de Marisco

Ingredentes

  • 1,5 Kg.de mexillóns
  • 400 g. de camaróns pelados
  • 125 g. de manteiga de leite
  • 125 g. de fariña
  • 1 litro de leite (descontade a metade da auga de cocer os mexillóns)
  • Un chisco de viño branco
  • Aceite, sal noz moscada, pementa
  • Fariña, ovo e pan relado

Descrición

  1. Limpamos os mexillóns, cocémolos nunha pota cunha folla de loureiro, botándolle un chisquiño de viño branco no fondo da pota, e tapamos ata que se abran.
  2. Sacámoslle a carne que picamos miudiño e reservamos. Tamén reservamos a auga que soltaron ó cocelos.
  3. Picamos os camaróns, salteámolos nunha tixola e reservamos.
  4. Facemos a bechamel: derretémola manteiga e logo engadímoslle a fariña e remexemos ben ata que se desapegue das paredes. Non deixar torrar a fariña.
  5. Logo disto engadirlle metade da auga de cocelos mexillóns mailo leite fervendo ata facer o litro e remexer todo a fondo para que non queden grumos. É mais doado se neste intre metedes a batedoira eléctrica, deste xeito a masa queda moito mais fina. Deixade que coza ben para que logo non se desfagan as croquetas ó fritilas.
  6. Antes de terminar de facela bechamel engadirlle ó mexillóns, os camaróns, un chisco de noz moscada e outro de pementa, probalo de sal e engadir se compre. Tede cura pois a auga dos mexillóns é de por si salgada.
  7. Deixala arrefriar estendida nunha bandexa aceitada e logo cubrila con celofán transparente para que non seque e faga costra a masa por arriba.
  8. Facémolas croquetas que despois de envolver en fariña, ovo e pan relado fritimos ou se cuadra conxelamos para outra ocasión. Fritir as croquetas, que estean conxeladas, sen desconxelar.

Notas

Se botámola masa nunha bandexa de xeito que nos quedou 1-2 cm. de groso, podemos facer axiña as croquetas, se envorcámola masa enriba do mesado enfariñado e cun coitelo imos cortando a masa ó longo (2 cm.) e ó través (4 cm.); deste xeito as croqueta case saen feitas. So queda darlle forma redondeada ou deixalas cadradas, segundo o gusta de cada un.