Receita: Filloas (1)

Ingredentes

  • 20 dl de leite
  • 5 ovos
  • 20 dl de auga de cocido de porco (se lle botamos leite e ovos non lle botamos auga de cocido)
  • 200 g de fariña de trigo
  • 1 anaco de touciño
  • sal

Descrición

  1. Amasamos o leite cos ovos batidos e a fariña (ou ben a fariña coa auga de cocido, máis tradicional por exemplo na zona de Compostela) ata facer como unha crema lixeira, líquida, que non se pegue no filloeiro ou na tixola.
  2. Botamos a crema a modiño no filloeiro ou na tixola quente untada con touciño, procurando que quede ben repartida por toda a superficie. Cando levante os bordes, agarrámola coa ponta dun coitelo dun borde e cascámoslle a volta. Cando estea feita (hai variantes máis ou menos feitas, segundo o gusto) sacámola e botamos outro pouco da papa, e así ata que a acabemos.
  3. Servímolas abertas e apiladas as unhas enriba das outras.

Notas

Pódense comer ou ben frías, ou quentes. Tamén pódense enrolar, untar en manteiga (opcionalmente encher de crema pasteleira) e pasar outra vez pola tixola para servir despois cobertas de azucre.

Outras variantes tradicionais fanse con sangue de porco, ou botándolles anacos de rixóns ao facelas.

Formas modernas de as comer frías inclúen recheas de xamón cocido ou de marmelada.

Comensales: 6