A casa antiga e nobre deste amor, desta ardencia,
podrece pouco a pouco, despaciosas as trabes
senten os anunciados picores do abandono
e a comechume deixa revelación da febra
desprendida, seremos edificio en ruínas

na cidade da noite, clarísima desorde
na arquitectura dúctil do tacto, nas paredes
morre a cor da frescura que os anos acreditan
perecedoira, beixos de vento baten feros
nas portas desgonzadas e vidros esmiuzados

avanzan lentamente no rostro que endurece,
agochado nas fiestras, e nos ollos, opacos
e brillantes a un tempo, penduran arañeiras
que ornamentan bagullas como fiaños de seda,
carunchadas madeiras informan do silencio

que entrou na casa, roto por moscas de recordos
no excremento da inútil evocación. a casa
do noso amor desflora sen ter sido habitada,
cuberta dun po mesto que os dedos non mimaron.
e cando miro tanto, tanto e tan grande caos

sinto que tamén todo, todo absolutamente
rompe dentro, con trabes que a penas conexionan
a armazón na fraqueza do ánimo, mentres penso
que restaurar acaso sexa angueira imposible.
seremos, finalmente, desolación do corpo.

Fonte: BVG