Sempre tuveron n-o peito d’os gallegos cariñoso agarimo as ideas de caridá misturadas c’o santo antusiasmo pol-a pátrea: n-a noite d’o veint’ e cinco d’o derradeiro mes dimos unha proba d’ista verdá.
Pol-a tarde d’ese cobizado dia non pensaban os gallegos mais que n-a festa que se proparaba. Todol-os sembrantes revertian alegria, todol-os corazós latexaban á impulsos d’os recordos mais ledos e feiticeiros. As gaitas deixaban ouvir de vez en cando os seus tenros conceutos, xa co’a churrusqueira muiñeira, xa co’a vagarosa e sempre divina alborada.
Os foguetes estalaban tamén n-os aires semellándonos estar n-a nosa terriña, e relembrando aqueles tempos en qu’ainda non probáramos o acedo pan d’o emigrado. ¡Non sei que sentemento estrano teñen pra min os foguetes! «Eles —como dí O Tio Marcos,— son chamada d’outros tempos pr’os vellos, estrondo de pracer e barullo pr’os mozos e mozas, aviso d’o ceo que sai d’a terra pr’os rapaces…. Os de tres estalos son unha caste de castañolas aéreas tocadas por riseiras e fantásticas virxes que levan por manto o longo espacio, por ollos as estrelas, por alento as arroubadoras brisas.»
N-a tarde de que falo, eran os foguetes á voz d’a Caridá e d’a Pátrea, y-os gallegos entenderon isa misteirosa parola.

*
* *

¡E vaya si a entenderon! Inda non eran as oito d’a noite, e xa unha mareira de xente entraba pol-as portas d’o treato de Tacón, que non chegaba á un dente pra dar achego a tanta alma.
Entr ‘o numeroso púbrico vimos feiticeiras meniñas vestidas de gallegas, lucindo unhas ó garrido traxe de mariñanas de Betanzos, outras o sempre galano d’as rianxeiras. Eu, ô velas —penso de min que non é pecado o decilo— furmigábame o sangue n-as pernas e sentía cóchegas n-a gorxa, en que mais d’unha vez tiven que reter aturuxos antusiastas. Un amigo meu, compañeiro de monteira, por mais sinales, díxome ô ver tan lindas raparigas: —«S’os anxeliños d’o ceo gastan vestidos, deben ser, de verdá, ô estilo gallego.»
As mulleres son o diaño, con perdón. ¿Pois non m’iban deslembrando d’a discricion d’a festa? ¡Xesus!

*
* *

A churrusqueira comedia «Entre veciños» foi manificamente desempeñada, y-ô sair á ‘scena a xeitosa tipre Dorindiña Rodriguez recibeu unha tronada d’aprausos e vivas.
O Coro gallego, despois d’o «Hino á Santiago» cantou con maestría «N-o mar», merecendo aprausos á bao. Ó finar isto, pideu o púbrico que se cantase a Alborada, que fixo reverter ó entusiasmo d’os romeiros. ¡Qué melosiña é a nosa fala posta en música e cantada d’o xeito con que o saben facer os rapaces d’o Coro!
Chegaba o momento d’a representación d’ O Ruisiñol. Dorindiña e Iñigo Varela foron mui apraudidos n-ista hermosa obriña. A primeira demostrou unha vez mais ser unha boa artista, anque, por acharse enferma d’a gorxiña —cousa que da mais méreto a xeitosa gallega, porque dado o seu estado de saude, fixo un sacrificio con traballar— non puidemos gozar ouvindo a sua voz «semellante ôs concentos baixados d’o ceo;» y-o segundo, Iñigo, estivo moi feliz e demostrou craramente os adiantos que adequire n-o divino arte de Pacheco e Patiño. Moitos laudes mereceron n-esto os dous enxebres gallegos.
Unha noite n-a eira d’o trigo! Esta cántiga, anque a escoitemos un milleiro de veces, en xamais se nos fai pesada ¡que lindo poema encerran os seus versos! Que sentemento teñen cada unha d’as notas de que se compon a música! Tres veces se repiteu a petición d’o púbrico: â segunda vez foron agasallados Dorindiña e Iñigo por dous cuadros en qu’a Beneficencia de naturás de Galicia demostra o agradecemento os dous artistas; por pombas ceibadas dend’os palcos e por ramiños de frores e versos, que mais adiante reproducimos.
Tamen foi ousequiada Dorindiña, con unha vistosa coroa, que lle entregaron duas bonitiñas nenas vestidas de gallegas, y-acompañadas d’o noso bon amigo don Secundino Cora; cuya coroa tiña duas cintas de seda, mourada e branca, co’a lenda: «Os rapaces gallegos d’a Habana, â sua paisana Dorindiña Rodriguez.» (1)
A Muiñeira y-a Riveirana foron punteadas enxebremente por doce parexas, en traxe provincial. Mereceron moitos aprausos e frores.
O «Hino á Galicia» y-«O home e deble» manificamente desempeñados.
A estudiantina «Nosa Señora d’as Mercedes» executou algunhas lindas pezas de música, que mereceron os honores d’a repetición, y-aprausos ó descallacrebe.
¡Ai que demoro! Xa non m’acordaba falar d’o galleguiño García Paredes que fixo rir ô púbrico co’a sua coleucion de tipos. Enxergou en lingua gallega —como é natural— a sua biografía feita maxistralmente. ¡Lástema que non houbera alí un taquígrafo que recollera a parola de Paredes, co’a que fariamos rir os mesmos valados!

*
* *

Ó sair d’o treatro, formouse unha grande procesion c’oas Direutivas d’as sociedades gallegas, que acompañadas d’a música d’Inxenieiros, que tocaba unha alegre muiñeira, e de moita xente, encamiñáronse ô Centro Gallego, n-o que houbo un lucido baile que durou hastra cerca d’as seis d’a mañan.
En fin, a festa non puido quedar mellor. Xente a barullo; antusiasmo como nunca.
En nome d’os probes, e pol-o mesmo, en nome d’as mais santa d’as virtudes, á Caridà, damolas gracias a todos cantos tomaron parte n-a festa d’o dia vint’e cinco.

*
* *

De gran divirtimento foi pra min, y-o mesmo sería pra moitos mais, a noite de Santiago. A yalma solazábase o ver a íntima unión qu’entre todos había. A Pátrea y-a Caridá foron festexadas como os gallegos sabemos facelo.
¡Algunhas noites, com-a de que falo fan falla ainda pra axuntar o modo de pensar d’os bos gallegos, e pra rempuxarnos pol-o camiño d’a cobizada rexeneracion d’a nosa sempre adourada Galicia!

Roque d’as Mariñas.

(1) Esto non é tradución; estaba escrito en fala gallega, ó que demostra o gusto que eiqui se desperta por tal lingua.