Receita: Xoubas sobre Cama de “Panadeiras”

Ingredentes

  • 1 Kg de xoubas
  • 1 pemento verde
  • 1 cebola grande
  • 3 polas de perexil
  • 3 dentes de allo
  • 2 Kg de patacas
  • Pemento doce
  • ½ vaso de viño branco
  • Caldo de pescado ou de abrilos mexillóns, ameixas, berberechos, etc
  • Aceite
  • Sal

Descrición

  1. Picamos o pemento verde maila cebola e amolecémolos nunha tixola con medio vaso de aceite a fogo baixo, pomos a punto de sal e engadimos o pemento doce. Reservamos
  2. Pelámolas patacas e cortámolas en rodas de ½ cm. de groso.
  3. Nunha bandexa rectangular de asar colocamos unha capa de cebola e pementos amolecidos, unha capa de patacas, outra de cebola e outra de patacas. Esparexemos por enriba o perexil ben picado.
  4. Engadimos o viño branco mailo caldo dos mexillóns sen cubrir, tapamos con papel de aluminio e metemos ó forno quente a 150ºC polo decurso de 25-30 minutos.
  5. Namentres limpamos as xoubas sacándolles a cabeza, as tripas e as espiñas. Botámoslles o sal.
  6. Nunha tixola dámoslle un golpe de grella pola parte aberta e pómolas enriba das patacas.
  7. Volvemos a metelas ó forno uns 4 minutos antes de servírmolas na mesa.

Notas

Pódenos servir o caldo que nos quede de abrir uns mexillóns ou ameixas de algunha outra vez, e que gardamos no conxelador para estes casos.

Ó botar o caldo nas patacas non hai que encher moito pois logo as patacas quedan augacentas e cocen o mesmo co vapor ó estar a bandexa tapada co papel de aluminio.

Eu as veces en lugar de facer as patacas “Panadeira” o que fago é fritir as patacas en rodas e cubrir con elas o fondo da bandexa, logo poño enriba a cebola amolecida e por último o peixe que vou a asar.

Comensales: 6