Receita: Arroz con Leite

Ingredentes

  • 1,5 litros de leite
  • 100 g. de arroz
  • 150 g. de azucre
  • 1 limón (a peladura)
  • 1 pao de canela
  • Canela en po
  • Sal

Descrición

  1. Pomos nunha pota o arroz, un pouco de auga xusto ata cubrir o arroz e un chisquiño de sal e deixámolo cocer ata que suma a auga.
  2. Engadímoslle ó momento o leite xunto co pao de canela e a peladura do limón e deixámolo ferver a lume baixo, remexendo de cando en vez, para que non se apegue.
  3. Deixámolo cocer un bo tempo (algo máis de media hora) para que vaia espesando e formado crema.
  4. A metade da cocción sacámolo pao de canela maila casca de limón.
  5. Cando vexamos que está espeso dabondo e ten bastante crema botámoslle o azucre, sacámolo do lume e botámolo nunha bandexa cadrada para que arrefríe ou nas cuncas onde o vamos servir

Notas

Temos que ter en conta que o arroz con leite vai pouco a pouco absorbendo o leite e quedando cada vez máis seco, así que hai que sacalo bastante solto.

Ó comelo ten que estar algo solto aínda que non estar tanto que pareza que os grans están bañando. Se o deixamos dun día para outro vai ir espesando cada vez máis.

Non esquezas botarlle o belisquiño de sal, dálle outro gusto.

Hai quen lle bota algo de crema do leite, manteiga ou aínda natillas de sobre. Un bo arroz con leite escusa de todas esas trapalladas.

Comensales: 6