Receita: Rabo de Boi Guisado

Ingredentes

  • 2 Rabos de boi (vaca, vitela, touro)
  • 3 cebolas medianas
  • 2 cenorias
  • ½ pemento verde
  • ½ litro de viño (tinto e branco 50%-50%)
  • 1 culleradiña de pemento
  • 80 ml de aceite
  • Sal e pementa negra moída

Descrición

  1. Mercar o rabo cortado polas xuntas, limpalo se trae moita graxa apegada e espolvorexalo coa pementa
  2. Fritilo nunha tixola co aceite, facéndoo por tódalas partes pra que logo ó guisalo quede máis celmoso.
  3. Segundo se frite vaise botando nunha pota ampla. Ó rematar botase tamén o aceite
  4. Logo disto, engádenselle as cebolas, o pemento mailas cenorias, todo picado.
  5. Engádese tamén o viño e ponse a cocer, coa pota tapada co seu testo, polo decurso de unha hora e media
  6. Namentres se coce a fogo suave, bótaselle o sal e cara o último vólvese probar e rectifícase se fixera falla.
  7. Ó rematalos 90 minutos o rabo xa ten que estar. De tódolos xeitos picase cun garfo pra ver se está feito. A carne do rabo ten que se afastar ben do óso.
  8. Sacámolas talladas a unha bandexa e triturámola salsa que botamos logo por enriba delas.
  9. Servímolo acompañado con patacas (cortadas en anacos cadrados, alongados, en bolas, tec.) fritidas e botadas na salsa.

Notas

Se queres facer unha presentación máis elegante fai así:

Aparta a carne dos ósos e nun papel transparente dispón unhas talladas delgadas de touciño con febra (pouco curado) postas unha xunto da outra. Logo bota a carne do rabo coma un cordón posto ó través das talladas. Coa axuda do “film” transparente enrola o touciño maila carne facendo coma se fora un salame duns 5-6 cm. de diámetro. Prémeo, cérrao polos extremos e déixao na neveira a arrefriar.

Cando estea frío, e sen sacarlle o papel transparente, córtao en rodas de 4-5 cm. de longo.

A tempo de servilos, pos as rodas (xa sen o papel), nunha bandexa de forno, atadas con ceboliño e metelas no forno un chisco pra que se quenten ben, e logo serves nos pratos unha ou dúas destas rodas regadas por enriba coa salsa triturada. Podes adornalo prato cunha herba recendente, unhas flores, unha costra de pataca ou calquera outra cousa que se che ocorra.

Comensales: 6 persoas

Tempo: 3 horas