Receita: Cunchas de Vieiras cheas de Marisco

Ingredentes

  • 8 Vieiras
  • 8 lagostinos
  • 8 camaróns
  • 4 rodas de pescada
  • 4 rodas de rape

Ingredentes para a Bechamel

  • 125 g. de manteiga de leite
  • 125 g. de fariña
  • ½ litro de leite
  • ½ litro de caldo de peixe
  • Un chisco noz moscada
  • Un chisco de pementa branca
  • Sal

Ingredentes para o Caldo de Peixe

  • 1 cabeza e as arganas do rape, e da pescada.
  • 1 tomate maduro.
  • 1 cebola.
  • 1 cenoria
  • 1 ½ l.de auga.
  • 1 folla de loureiro.
  • 1 culler de ourego.
  • 1 vasiño de viño branco.
  • Sal

Descrición

  1. Facémolo caldo de peixe, cos ingredientes devanditos. Deixámolo ferver polo decurso de 1 hora. Logo disto, cocemos nel o rape (10 minutos), a pescada (5 minutos), os camaróns e lagostinos (2 minutos) contando sempre dende que volva a ferver. Coámolo e reservámolo medio litro que cómpre para esta receita.
  2. Cos peixes e mariscos xa mornos, quítaselles a pel e as arganas e esnacámolos cos dedos, moi pequeniño. Os camaróns e lagostinos pelámolos e cortámolos en láminas delgadas.
  3. As vieiras, abrímolas, limpámolas, e sacámoslle a carne. Fritímola cebola mailo allo e cando estea amolecida engadimos as vieiras que deixamos facer un pouco. Unha vez refogadas, trituramos co batedoiro eléctrico ata obter unha pasta suave.
  4. Facemos unha salsa bechamel, cos ingredientes arriba indicados:
  5. Derretémola manteiga e logo engadímoslle a fariña e remexemos ben ata que se desapegue das paredes. Non deixar torrar a fariña.
  6. Logo disto engadímoslle o vaso do caldo de peixe mailo leite, fervendo os dous, e remexemos todo a fondo para que non queden grumos.É máis doado se metedes o batedoiro eléctrico, deste xeito a masa queda moito mais fina. Engadímoslle tamén un chisco de noz moscada e pementa para recender. Engádeselle neste intre os peixes e mariscos preparados como xa se dixo. Deixámolo que coza ben (8 minutos). Logo deixamos repousar a masa tapándoa cunha lámina transparente para que non colla costra.
  7. Enchémolas cunchas das vieiras con esta bechamel, empoámolas con queixo parmesano relado e pómoslles por riba unha boliña de manteiga.
  8. Métense a grellar no forno e cando estean un pouco torradas sérvense.

Notas

Adóitanse servir nun prato chairo, sobre un leito de leituga ou escarola e tomatiños, cun camarón en cadansúa cuncha, etc. Aínda que isto queda ó gusto de cada un.

O caldo de peixe sobrante conxelámolo e podémolo aproveitar, para facer calquera outra receita como un arroz ou unha sopa. Para que colla máis sabor, unha vez cocidos os camaróns e os lagostinos, quitámoslles as cabezas mailas cascas e botámolas a ferver 15 minutos máis co caldo. Deste xeito, soltarán máis sustancia a marisco.

É importante desfacer o peixe coa man e que o marisco estea picado cun coitelo en anacos que poidamos atopar logo ó comermos.

Se che gusta a receita e queres volver facela, lava moi ben as cunchas das vieiras para gardalas e empregalas de novo, pois nesta receita sae máis masa que cunchas temos para encher.

Se a idea das cunchas non che gusta, emprega cuncas un pouco chairas resistentes ó calor do forno e preparalas coma se foran as cunchas de verdade.

Comensales: 8