Temos o corazón petroleado
polas gueivotas negras do desprezo.
Canto tempo máis aturaremos este cravo
na cunca violentada da nosa man?
Nas rosas anguriadas medraron as espiñas
e cobriu-se o ceo de espavoridas pombas.
Non pode a dor cegar os nosos ollos
nen meter-nos nos escuros tempos
da bágoa colectiva
-ela chorou por todos e para sempre-.
Non poderán os transformistas
da tinta e da pantalla
meter-nos no cerebro o silenzo desta Terra
fronte ás voces potenciadas do impostor.

II

Mais outros ventos inzan hoxe
a nova marusia,
nacidos dese mar escurecido pola aldraxe,
anovados coa luz xurdida
na cinza das mentiras.
Ventos libres son,
a zoar na conciéncia colectiva
dun país de noso,
nación alborexada e limpa de negruras.
Aqui somos NÓS, NÓS sempre,
galegos e galegas orgullosas
baixo a bandeira altiva do NUNCA MÁIS,
ronsel das esperanzas.

Fonte: BVG