Co nome xenérico de coco falamos dun ser indefinido que pode ter moitas formas (e nomes), no que non cren os adultos e que usan para asustar ós nenos, coa intención de que durman ou non enreden como ben di a copla:

E durme, neniño,
que vén o cocón,
vai levar o neno
que non dorme, non.

O chupasangues é un home que agarda nas noites de inverno os nenos que saen do colexio e volven andando á casa entreténdose polo camiño. Ó caer a noite o chupasangues espéraos nunha esquina ou nun lugar pouco iluminado. Mátaos e chúpalles o sangue todo.

O felo é un home feo, horroroso e agresivo.

O Home do Saco supónse que é un home alto, forte, fosco, desastrado, cun saco no que leva ós nenos para facerlles quen sabe que maldades.

Mariamanta é unha muller que rouba os nenos. Descríbese como unha esmolante moi fea, cun papo moi grande, envolta nunha manta. Correspóndese coa figura masculina do Home do Saco.

Na costa de Lugo asústase ós nenos coa Maruxaina (serea metade peixe e metade muller), díselles que se non se portan ben vén a Maruxaina e lévaos ós Farallóns (unhas illas que hai fronte da vila de San Cibrao).

En Carballo, no Castro de Rebordelos, teñen á Meiga dos Dentes Verdes, que anda tódalas noites polas corredoiras buscando rapaces. Ós que colle xa non se volven ver máis.

O papón é un coco para asustar ós nenos e tamén un ogro dos contos infantís. É xigante, ten enorme boca, ollos de lume que revolve furioso e bandullo de forno ardente. Nos Ancares chámanlle pispota e noutros lugares paparrasolla, ransoña, rampoño ou orco.

O sacaúntos parece ser que é un boticario ou un vello cun saco ó lombo para meter nel ós nenos malos coa intención de matalos e logo vender o unto.

A Tía Xuana vive no faiado e ten por misión afastar ós nenos del. Na Pontenova contan que ten polo menos douscentos anos, o pelo branco e longo que lle baixa todo polo lombo, e a cara toda enrugada con un só ollo e un só dente na boca. Co dente rila todo o que atopa no faiado.

O zampón é un coco arroutado, berrón, metemedos e algo mexericas.

O zarrouco ou zarronco pode aparecer baixo diferentes formas. Ás veces é un insecto moi grande e outras un home especialmente feo que anda cun saco ás costas e, en vez de falar, ronca ou funga, do mal xenio que ten. Anda de noite sen rumbo procurando unha casa onde o invoquen para asustar e para lles meter medo ós pícaros. Impresiona polo seu aspecto e non se sabe ata onde chega a súa maldade.