Coñecíase como Couto Mixto (Couto Misto en portugués) a un antigo territorio autonómo que se asentaba entre os actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar, ao sur da provincia de Ourense. Ata o tratado de Lisboa de 1864 cada veciño elixía libremente a nacionalidade española ou portuguesa.

Estaba constituído polos lugares actuais de Santiago e Rubiás (ambos na parroquia de Rubiás dos Mixtos, no concello de Calvos de Randín) e mais Meaus (na parroquia de Tosende, concello de Baltar), tendo en conxunto unha superficie aproximada de 27 km2.

O couto tiña o seu arquivo e era unha organización consuetudinaria de Galicia, que se rexía por unha xunta independente. Polas prerrogativas que se lle concederan, ninguén podía deter aos seus veciños por contrabando en máis dunha legua de extensión.

Parte dos habitantes eran galegos e parte portugueses, sendo frecuente que o piso baixo dunha casa fose de España e o superior de Portugal, ou que estivese a cociña en Portugal, e un gabinete, parede polo medio, en España. O que construía ou reedificaba unha casa, podía, se o desexaba, aplicar libremente un cuarto a cada un dos dous países; e ata ocorría que os veciños que cometían un delicto dentro do término do couto eran árbitros para elexir o xuíz que lles parecese; non pagaban ningún tributo de sangue nin de diñeiro, e só como recoñecemento da respectiva autoridade contribuían as aldeas cuns 50 reás a España e o alcalde do couto pagaba uns 37 reás a Portugal no nome dos conveciños; vendían froitos e gandos no interior de ambos países e así mesmo compraban canto precisaban, sen necesidade de guías e sen atrancos de ningunha clase, podendo vender e mercar publicamente dentro do couto tódolos xéneros de comercio ilícito que quixesen.

O couto mixto posuía dereito de asilo, de maneira que ningún criminal podía ser apresado nel se non era culpado de certos delictos; e os que se vían perseguidos polas autoridades españolas, con só dar uns pasos, e sen saír da súa morada, podían atoparse en Portugal, poñéndose a salvo de todo castigo.

Esta institución consuetudinaria, que de tantas inmunidades gozaba, desapareceu logo de longas negociacións diplomáticas nas que Portugal acabou renunciando aos seus dereitos sobre o couto a troco do dominio dos lugares promiscuos de Cambadeo, Lama de Arcos e Souteliño, edificados na fronteira hispano-portuguesa e sometidos ata entón á xurisdicción dos dous países.