As cantigas de escarnio e maldicir proveñen da confluencia dun xénero provenzal que recibía o nome de sirventés, cunha tradición satírica autóctona de carácter oral.

Estas cantigas distanciáronse do modelo do sirventés. Mentres a sátira deste tiña unha clara intención moralizante, o obxectivo principal das nosas cantigas é a burla, é dicir, simplemente buscan facer rir.

Aínda que poden ser agrupadas nunha única modalidade, a nosa tradición literaria distingue as cantigas de escarnio das de maldicir.

As cantigas de escarnio son unha sátira encuberta. Nelas empréganse os dobres sentidos, a ironía,…

As cantigas de maldicir son un ataque directo cunha linguaxe clara e sen ironía. As palabras non teñen nestas cantigas interpretacións ambiguas, senón que o trobador chama as cousas polo seu nome.

Máis alá do seu importante valor literario, as cantigas satíricas medievais posúen un inestimable valor sociolóxico e histórico, xa que os trobadores, libres dos ríxidos convencionalismos, reflicten, cunha fala moito máis expresiva e rica, como é a sociedade da época (feitos históricos, costumes, tipos e relacións sociais…).

Nalgunhas ocasións, o poeta toma o modelo formal dunha cantiga de amigo ou amor e altera o seu contido nun sentido satírico, para conseguir un efecto de parodia humorística. Son os coñecidos escarnios de amigo ou escarnios de amor. Velaquí un exemplo:

Ai, dona fea, fóstesvos queixar
que vos nunca louvo en meu cantar;
mais ora quero fazer un cantar
en que vos loarei toda vía;
e vedes como vos quero loar:
dona fea, velha e sandía!

Dona fea, se Deus mi pardón
pois avedes atán gran coraçón
que vos eu loe, en esta razón
vos quero ja loar toda vía;
e vedes qual será a loaçón:
dona fea, velha e sandía!

Dona fea, nunca vos eu loei
en meu trobar, pero muito trobei;
mais ora ja un bon cantar farei
en que vos loarei toda vía;
e direivos como vos loarei:
dona fea, velha e sandía!