Algúns estudiosos, ao trataren das orixes da cantiga de amor, falan da existencia de certa tradición autóctona de cantigas populares dedicadas a mulleres e de motivo amoroso. Non obstante, a influencia máis determinante nas nosas cantigas de amor é a cançó provenzal. Así o chegaron a manifestar, de feito, algún dos nosos trobadores. Unha cantiga do rei don Dinís comeza dicindo:

Quer’eu en maneira proençal
fazer agora un cantar d’amor…

O ideal do amor cortés que domina as cantigas de amor é tamén de orixe provenzal. Este ideal baséabase na concepción do amor como servizo, o cal determinaba o comportamento sentimental na relación home-muller: o home, na súa condición de namorado, estaba sometido á súa namorada igual ca un vasalo ao seu señor.

O trobador, que se consideraba indigno da súa dona, podía ser un simple suspirante (fenhedor), ou ter ascendido na escala do proceso amoroso ás fases de suplicante (precador), correspondido no amor pola dama (entendedor), ou mesmo ó dificilmente alcanzable estado de amante físico (drudo).

Para a consecución do favor da dama, o amor cortés impoñíalle ao namorado unha serie de requisitos: mesura (trato respectuoso e delicado á amada), discreción (prohibición de divulgar o nome da dama, normalmente casada), largueza (xenerosidade)…

Pero este amor preséntase sempre como un sentimento frustrado, ben pola non correspondencia da dama no amor, ben polo seu carácter inaccesible. Como consecuencia chega a coita de amor, o sufrimento, do que o máximo expoñente é a morte (morrer de amor), unha morte moitas veces desexada pois libera do sufrimento.

Na cantiga de amor a voz presente é a masculina: é o home quen expón a súa coita amorosa por unha muller. A palabra senhor, coa que se fai referencia á amada, adoita aparecer nos primeiros versos destas cantigas, converténdose así na marca distintiva do xénero.

Atendendo á presenza do refrán (verso que se repite ó final de cada estrofa), distínguense dous tipos fundamentais de cantigas de amor: a cantiga de refrán e a cantiga de mestría (non ten refrán, considerábanse máis perfectas, de aí o seu nome).

Velaquí un exemplo dunha cantiga de amor, en concreto, dunha cantiga de refrán, do rei don Dinís:

Un tal home sei eu, ai ben tallada,
que por vós ten a sa morte chegada;
vede quen é, e seed’en nembrada;
eu, mia dona.

Un tal home sei eu que preto sente
de si a morte chegada certamente;
vede quen é, venha-vos en mente;
eu, mia dona.

Un tal home sei eu; aquest’oide,
que por vós morre, vo-lo en partide,
vede quen é, e non xe vos obride;
eu, mia dona.