Quero compartir convosco este simpático poema de Manuel María (do seu libro Terra Chá), no que lle fala a unha árbore galega que emigrou para o País Vasco.

Sonetiño ó caraballo que o noso amigo Pepe Estévez, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Chá a Oiartzun de Gipuzkoa pra transplantalo nun eido da súa pertenza e da súa dona Maribel Goñi

Carballo de Carballido:
¡na Terra Chá tes nación
e levas no corazón
un puro amor transcendido!

¡Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!

Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
¡faite luz, símbolo e siño!

Ti non eres un calquera:
¡dille, en galego, ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!