As cantigas de amigo constitúen o xénero máis enxebre da nosa lírica medieval. Aínda que todos os poetas medievais eran homes, a que fala é unha muller. Teñen como tema a erótica feminina, exenta de amor físico. A propia palabra amigo é característica deste xénero.


O tema fundamental é o sofrimento por amor, motivado normalmente pola ausencia do amigo. A voz poética é a dunha rapaza nova que relata as súas vivencias amorosas, ora nun monólogo, ora nun diálogo coas súas amigas, irmás ou mesmo coa nai, que rara vez toman a palabra. Os estados de ánimo son diversos e inclúen a ledicia pola chegada do amigo, a tristura pola súa ausencia ou a ansiedade polo regreso, o desexo de vinganza, ciúmes, etc. Os ambientes nos que se atopan son o campo, o mar ou a casa, a fonte, a onde foron buscar augar ou lavar o cabelo, o río ou a romaría.

Desde o punto de vista da forma, o rasgo máis distintivo da cantiga de amigo é o paralelismo e o leixaprén.

  • O paralelismo é un procedemento repetitivo que enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira. O paralelismo é perfecto se se sustitúe a última palabra do verso por outra sinónima, ou repetición das mesmas palabras, pero con orde diferente de modo que varíe a rima. É imperfecto se os versos da segunda estrofa reproducen libremente o significado dos versos da primeira estrofa.
  • O leixaprén (deixa-colle) consiste na repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte.

Chámase refrán ó verso que se repite ó final de cada estrofa.

Os poetas máis destacados que compuxeron cantigas de amigo foron Mendinho, Pero Meogo, Martín Codax, Xohán Zorro, Xoán de Cangas, Xoán Airas e Don Dinís.

Vexamos un exemplo dunha cantiga de amigo da autoría do rei D. Dinis:

Ai flores, ai flores do verde pino,
se sabedes novas do meu amigo!
ai Deus, e u é?

Ai flores, ai flores do verde ramo,
se sabedes novas do meu amado!
ai Deus, e u é?

Se sabedes novas do meu amigo,
aquel que mentiu do que pôs comigo!
ai Deus, e u é?

Se sabedes novas do meu amado,
aquel que mentiu do que mi há jurado!
ai Deus, e u é?”
(…)

Podes ver tamén estoutro artigo relacionado.