Os normandos desembarcaron na Coruña o ano 843 e nas nosas beiramares foron vencidos por Ramiro I, que lles saíu ó encontro e lles queimou varias naves das 70 que traían.

Cara finais do século IX apareceu outravolta unha formidable flota normanda no litoral galego, ameazando arrasar o país e apoderarse de Compostela; entón, segundo conta a lenda, aconteceu o milagre de San Gonzalo, bispo de San Martiño de Mondoñedo, que cego e vello foi levado deica as alturas de Marzán inmediatas ó mar, e coa súa oración fixo que se afundisen as naves inimigas, salvándose só dous drakars que levaron ó seu país o relato do prodixio.

A comezos do século X Galicia coñeceu outra invasión normanda que maltratou as terras, queimou aldeas, castelos e lugares; fixeron moitos cautivos e roubaron canto puideron nos dous anos que enseñorearon o país.

O prelado compostelán Sisnando quixo deter ós invasores preto da aldea de Fornelos e foi morto por unha seta, podendo deste xeito, o inimigo levar a desfeita e o terrar deica O Cebreiro.

Logo, cando os normandos se dispuñan a marchar contra dos árabes, foron derrotados por San Rosendo, bispo mindoniense e fundador de Celanova en alianza co conde Gonzalo Sánchez, que lles infrinxiu severa derrota; acometeunos por sorpresa preto das Torres do Oeste, Castellum Honesti, os pardiñeiros das cales aínda hoxe se espellan na ría de Padrón, e fixo neles grande matanza, apoderándose de tódolos cautivos e despoxos que levaban como botín, tomándolles ademais unhas naves e queimándolles outras.

As últimas invasións prodúcense no século XII.