Sabida é de todos a fama que nos tempos vellos tivo Galicia pola súa riqueza en ouro. Ela guiou ós romanos até a beiramar do noso fisterra e co noso ouro encheu Roma as súas arcas, levando de eiquí enormes cantidades do tan procurado metal.


Parece ser que xa nos comenzos da época dos metais era traballado o ouro, industria que continou moito tempo e que culminou na época dos castros coa maravillosa alfaiatería dos pobos celtas de Galicia.

Pola testemuña dos clásicos sabemos que os métodos para beneficiar o ouro eran un tanto primitivos e sinxelos.

Entón, o mesmo que agora, limitábanse a amasar as areas dos ríos, especialmente os do val do Sil, e lavalas logo en vasillas tecidas con varas en forma de cestos. Alí ían recollendo as areas de ouro que o río levaba.

A chegada dos romanos complicou as cousas; o desexo dun maior rendemento animounos a comenzar unha explotación de gran envergadura e moi axiña os pozos comenzaron a furar o chan namentres os ríos eran afastados do seu camiño e milleiros de homes traballaban para trastocar a tona da terra na procura do dourado metal.

Con toda seguridade, os romanos esgotaron os criadeiros, xa que a partir de entón desaparece esta actividade na nosa terra, aínda que non totalmente, xa que a alfaiatería deixou sinal até os nosos días, e o ouro, aínda que en cantidades mínimas, séguese procurando hoxe, ben por prodecementos industriais, ben polo sistema primitivo.

Aínda que o seu rendemento sexa practicamente nulo, nas beiras do Sil e dos seus afluentes, as aureanas e os oureiros recollen a area en cribas e bátena para apañar as areíñas de ouro que poida haber.

Cando sobrevén algunha chea do río, collen a area nova que arrastra, pois nesta é máis fácil o achádego das carabuñas metálicas, algunhas do grandor dun chícharo, aínda que o máis corrente é que teñan forma de lentellas pequenas.