O día 29 de xullo celébrase, cada ano, a festa de Santa Marta. En Ribarteme, en terras pontevedresas ribeiranas do Miño, faise unha romería á que chaman a romería dos resucitados. Os enfermos, ás portas da morte, ofrécense a acudir á romería de Santa Marta de Ribarteme se sanan da súa enfermidade. (Un artigo de Luis Muiño)

Tamén poden ser ofrecidos polos seus parentes ou amigos.

Se o enfermo se cura, o 29 de Xullo vai a Ribarteme cos seus levando o cadaleito no que houbera sido enterrado se morrera.

O “difunto” escoia Misa, dá a súa limosna, vístese co seu mellor traxe e, cando sae Santa Marta en procesión, métese no cadaleito que é levado polos seus.

Cando termina a procesión, o “finado” abandona a caixa mortuoria e séntase coa familia. Come polbo, empanada, cachelos e sardiñas asadas en braseiros de sarmentos de vide. Bebe viño do condado de Salvaterra. Escoita música de gaita e baila. E así, pouco a pouco, vólvelle a tomar gusto á vida…

A romería de Santa Marta é todo un símbolo dunha forma de entender a experiencia da morte que está moi alonxada da habitual no medio urbano. Woody Allen, un dos grandes filósofos das cidades do século XX, dixo unha vez: “No le tengo miedo a la muerte, sólo que no quiero estar allí cuando suceda”. E esa é a actitude máis común nos últimos tempos na cultura occidental: esconder a morte, vivir como se non existira.

Nas nosas cidades, os cemiterios afástanse da nosa vista e todo o relacionado co feito é escondido. Pouco a pouco, a nosa cultura vainos ensinando que, da morte, é mellor non falar. Por eso o ritual de Santa Marta de Ribarteme sorpréndenos pola súa crueza ó tratar o tema.

Sen embargo, para moitas persoas que estiveron a piques de morrer, tomar plena conciencia da morte deulles madurez e enriqueceu as súas vidas. Tomar conciencia de que a fin é inevitable fíxolles expor con fondura toda a súa escala de valores e aprender a dedicar tempo e esforzo ó que realmente lles importa apartando o prescindible.

A difícil asunción da idea da morte pódenos axudar en tarefas como as de decatarnos de qué é o realmente esencial para nós.

En Ribarteme é doado decatarse de que o feito físico da morte destrúe as nosas vidas, pero a idea de que imos morrer pode salvalas da intrascendencia.