E remato esta escolma de textos deste libro de Neira Vilas (non teño eu para min que se lle poida chamar novela, senón que é máis ben unha serie de relatos divididos e barallados entre eles) con estas pezas:

Galicia é un país rico ateigado de xente pobre. Coma se unha meiga varrese de noite con todo o que os homes e as mulleres fan polo día. Pero as meigas non existen. Sería bo saber onde están e quen son eses poucos que chuchan o sangumiño da maioría. Algunha vez, penso eu, terán de revirarse as cousas, e como a riqueza vén do traballo han de aproveitala os que de certo súan. Cando tal aconteza, acabarase a emigración. E acabaranse outras eivas que hoxe aturamos.

(…)

Eu non sei ben como dicirvos o contento que me trae iso. Vai medrando de tal xeito dentro de min que non é doado atopar a maneira de escribilo. As palabras queren saírme todas dun saque, e son cativas para tanto dicir. Falo, xa se sabe, da miña descuberta de Galicia. Tal é. Poida que o estar lonxe… Pero amais acontece que aí nada nos din. E veño a saber dunha patria, dun país a reverter de historia, do cal non me tiñan falado antes. Néganlle valemento á terra onde temos nado. Veñen negándollo dende hai tantos anos que ninguén pode contalos; dende máis alá dos avós dos nosos avós. Acocharon a Galicia coma se fose unha vergonza, unha ferida. Así son as cousas. E ben que doe.

(…)

Vese como escribindo na nosa fala de sempre o pensamento canxa mellor coas palabras, e o que tencionamos dicir cae no papel igual ca un pincho. Ás veces cavilo se non será porque a linguaxe vai por dentro dun talmente vai o sangue, e sendo así nacería connosco, baixando logo de pais a fillos coma por un rego. Todo pode ser.