O pintor Luís Seoane, fillo da emigración, tamén ten unha interesante obra poética. Velaquí un poema tirado do seu Fardel do eisiliado, que seguro que vos vai emocionar:

Os emigrantes

É lus, un día hoxe de traballo coma tódolos que seguen, mesmo o sábado ao meridiá.
Aquel que fica alí, ten un obradoiro de carpintería cun aparello de radio pra distraírse,
iste outro ten un taxi cun zapatiño do neto pendurado no parabrisas
e un pequeno relevo de San Cristobo acarón do retrato de Gardel,
aquel conduce sobervoso un tranvía, ou un ómnibus, non sei ben.
Eiquí están, o mozo encorpado dunha empresa de mudanzas,
e iste que ten unha pequena tenda onde aforra papel moeda sobor papel moeda.
Todos son obreiros ou pequenos comerciantes.
Traballadores que soñaron unha vida desvariada.
– América é un continente co chan de ouro afirmaron os xornaes-
mais que non atoparon aínda na realidade o escintileo do seu soño.
Uns poucos, con máis abelencia, chegaron a ter grandes adaxes,
e comercios e industrias con unha rede de sucursaes, mozas loiras e medias nylos.
Algús outros, moitos máis, son os donos de “El Tambre”, “La Coruñesa”, “El Miño Azul”,
cafés e restorantes nomeados pola morriña.
Ou chegaron a construír unha casa de adobe no centro dunha pequena chacra na soidade
deshumán soalleira, da Pampa.
Traballan heroicamente, de médicos ou de camioneiros, ao pé dos Andes,
cabalgan as grandes planuras ou os matos sobrosos do Chaco,
somidos nun calor abafado de inferno,
entre as aguzadas veninosas yararás,
e os alacrás, as escalopendras, as carrachas,
as entupidas nubes de mosquitos;
ou no extremos sur, antre a neve e o vento,
na areosa terra de alongados cabeledos e caramuxos patrificados da Patagonia;
en Tierra del Fuego onde queima o vento sieiro.
Son obreiros do petróleo en Comodoro Rivadavia,
caseteiros e mariñeiros na longa costa arxentina.
Tamén rufos baleeiros e destros cazadores de focas.

Eiqueí están mesmamente dúas vellas.
Ista foupeira e arrufada é de Lalín. Vende lotería polos cafés e restorantes de San Telmo.
Isa outra vende frores pola noite, violas e pensamentos, nos arredores de Florida e Lavalle.
É de Mondoñedo i é unha vella triste e dengueira.

En moitas cibdades americáns hai unha rúa Galicia:
en Buenos Aires, en Montevideo, en La Habana, en Avellaneda…
Son rúas homildosas de bairros obreiros, con casas sinxelas,
un patio ao centro e unha xuala con paxaros e testo con plantas,
grandes fábricas de pequenas fenestras e árabores nas vereas.
Os nomes destas rúas non son lembranza de ningún feito de armas, de nengunha guerra,
tampouco son adicados a nengún outo Rei Breogán que tivese sido guieiro mitolóxico de emigrantes,
senón homaxe destes povos aos traballadores galegos.
Ao feito heroico que a cotío realizan a criada, si, a criada que estende as nosas antigas e honradas costumes,
o chófer, o ferreiro, o tecelán, o almaceneiro de cada rúa -que molla o lapis coa língoa pra seitar nas
libredas as débedas dos veciños-.
Ao vello paxareiro que levaba migallas a súas amigas as pombas na Avenida Costanera.
Aos labregos, aos mariñeiros, a tódolos centos de miles, aos millós de galegos
que dende outros séculos axudaron a facer este país e os outros países americáns.
A eles foron adicados os nomes Galiza desas rúas, á súa maina saudosa invasión.
Ao traballo duro feito competindo no amor ao mester cos emigrantes de tódalas outras castas:
brancos, amarelos, negros, xentes de apelidos estranos, confrontándose con eles nas duras labouras da terra e da mar.
Galiza polos emigrantes engradeceuse a alongouse no mundo,
en Portugal, en Centroamérica, nas Filipinas,
en New York onde viven baixo o ponte de Brooklyn,
en América do Sur, na mar, nos peiraos de Londres.
Mais, alá as asutoridades endexamais souperon ben deles,
tansiquera lles fixeron nengún homaxe
pois teimaban de facerllo aos traballadores
aínda que estes fosen emigrados e pertenescesen a sindicatos lonxanos.

Eisiste ás portas mesmas de Buenos Aires unha Villa Galicia,
aínda de casas de latas, de cans vagamundos e vizosos limoeiros,
onde viven iugoslavos, italiás, turcos, xudeus,
irmandados cos galegos nunha mesma arela de traballadores.
Eiquí hai un Puerto Gallegos, e un Río Gallegos, que lembran o orixen de moitos mareantes,
e rúas en cada cibdade nomeadas con apelidos galegos, con dondas verbas galegas,
e povos antre o po, no deserto, soalleiros, que se chaman Ourense e Pontevedra.
E, no día de San Xoan alcéndense fogueiras nos arrabaldes
e noutros días véndense rosquillas polas rúas de istas cibdades.