Aínda que os nosos antergos só tiñan dúas estacións, inverno e verán, e esta derradeira comezaba entorno ao 1º de Maio (festa do deus Bel, actualmente denominada Os Maios) e duraba ate o 1º de Novembro (o Xahún, coñecido aínda hoxe en moitos países pero baixo outra denominación: Hallowe’en), na noite de San Xoán (23 a 24 de Xuño) tamén se conservan tradicións relacionadas co sol, co lume, co verán…

O lume de San Xoán

Así, en todas as cidades, vilas e aldeas galegas acéndense nesa noite (que ven coincidir aproximadamente co solsticio de verán no sistema cuatriestacional actual), unha das máis curtas do ano, fogueiras (tamén chamadas lumaradas), nun eco das tradicións de comezo celta do verán (1º de Maio, festa de Bel). En inglés chámanlle Midsummer a esta data, reflectindo que non era o comezo senón polo medio do verán. De aí o Soño dunha noite de verán, de Shakespeare, que realmente é A Midsummer nights’s dream (soño dunha noite de San Xoán).

Así é que tamén nesta data saltan homes, mulleres e ate nenos sobre o lume, e ao final tamén pasa o gado maior para ser afumado, tradicións estas tamén conservadas en Eire e outros países celtas.

No afumamento pódense cobrir as cinzas con terróns secos para que boten máis fume, ou usar ramallos para baixarlles o fume e que así os envolva mellor. En calquera caso, pásanse bois, vacas, ovellas… por xunta o lume e así presérvanse dos meigallos, e procúrase que prosperen e medren sans.

Para os humanos ten efecto semellante este lume: cúranse doenzas, afástanse maleficios, atopan parella as solteiras, ou o desexo que se queira pedir. Nalgúns sitios tense que saltar un número exacto de veces (9, coma as famosas 9 ondas), e na maioría sempre un número impar.

As 9 ondas

Este é outro rito desta noite, que feito exactamente ás 12, na beira do mar, fornece saúde e fertilidade. Un dos máis coñecidos é o que se celebra na praia da Lanzada. Durante os 9 días seguintes dicían que non se debía un lavar con auga fría nin saír polas noites. Nove ondas tamén aparecen na saga que narra a conquista galega de Irlanda.

Os espíritos

Esta noite é tamén noite de espíritos, xunto co 1º de Maio (Beltaine) e o 1º de Novembro (Xahún), e de contacto co Outro Mundo e coa outra xente (mouros, fadas, etc.). E precisamente unha das funcións do lume nesta noite sería a de protexernos dos malignos que hai entre eles.

Máis información sobre a noite galega de San Xoán neste artigo de Fran Morell.