Había en Castrelos un ferreiro que deixara decorrer os días da súa mocidade sen decatarse de que había mulleres no mundo, e chegando a vello deulle por se namorar tolamente dunha rapaza nova moi cobizada por tódolos mozos da freigresía. O ferreiro era rico e logrou facerse dono da mellor xoia de Castrelos; mais os mozos, xuramentados, lograron acedarlle a vida


O vello namorado cravou as fiestras da casa, pechou a muller dentro e nin con eso logrou durmir un sono acougado, porque nas noites da ruada os mozos enchían o vento de cantigas de maldecir e o sangue do vello virábase solimán.

A muller do ferreiro era moi devota e á forza de bágoas logrou licencia para ir á misa tódolos días. A casa estaba o carón do adro, e a porta sur da igrexa daba dereitiño á porta da ferrería, de xeito que o ferreiro podía traballar ollando á súa muller na misa. Con todo e nin con eso a coitada tiña paz na casa de Deus, pois os ollos do seu dono feríana de lonxe, con dúbidas noxentas.

Unha mañanciña chegou pola porta da ferreiría unha vella lurpia, tida por meiga en todo Castrelos e nos seus arrededorese solermiñamente deitou nos oídos do ferreiro estas verbas Pozeñentas:
– Por moitas voltas que lles deas, ti morrerás axiña e a túa muller casará… cun rapaz que sei eu….

Naquel intre a pobre casada , de xeonllos na igresa, pedíalle paciencia a Santa María. O vello ferreiro fitouna e sentiu que se lle subía á cabeza un ramo de sangue. Endoudecido polos ciumes, colleu un ferro e meteuno no lume…. Os folgos da ferrería traballaron de firme e o ferro púxose de contado dun roxo írtido luminoso. …Entón o ferreiro colleu o ferro candente e encamiñouse á igrexa, disposto a desfacer diante de Deus mesmo, a fermosura da súa muller.

E Deus, o bo creador de todo, non quixo que o ferreiro desfixese unha das súas mellores obras, e, cando o ferreiro cego de ciumes, ía entrar na igrexa, tapouse a porta supetamente cunha parede de pedra.

O milagre foi sonado naquel tempo e aínda hoxe a porta sur da igrexa de Castrelos aparece tapada.