Ademais de ter un significado especial na nosa historia común con Irlanda, o mes de Maio é un mes marcado por tradicións étnicas, pagás e agrícolas moi importante para o noso pobo. Imos fixar a ollada sobre as relacionadas coa festa de Beltaine, o lume do deus Bel, que marca o comezo do verán celta.

Festa de BeltaineA véspera do mes dos maios (noite do 30 de Abril ao 1 de Maio), existía a costume, que pervive aínda na parroquia de Roo, preto de Noia, de formar unha gran lumieira gardando relixioso silenzo mentres ardía a leña. Despois formaban unha danza circular en torno a ela, xirando no sentido do sol, e pedindo ao lume (ao deus Bel?) que lles dea boas colleitas.

Esta tradición ten a súa orixe, polo visto, nas celebracións do Beltaine, o lume sagrado do deus Bel, inversa da festa do Xahún (Samhain ou Hallowe’en) e que marca o comezo da estación do verán no ciclo biestacional do ano celta. En irlandés moderno aínda lle chaman Bealtaine ao mes de maio.

Orixinalmente estas fogueiras de Bel eran acesas polos druidas usando os raios do sol, ou frotando certas madeiras de árbores sagrados. Os lumes de cada casa eran apagados e volvíanse acender co novo lume sagrado.

O gando levábase tamén xunto ás fogueiras para ser afumado, nun rito de purificación.

O deus Bel tamén está asociado coa Vida e a Morte, e cos cruces de camiños.

Estas tradicións tamén se conservaron moi parecidas en Irlanda e noutros países célticos (Escocia, Illa de Man, Cornualles…). A festa é chamada Beltaine en Irlanda, Bealtiunn en Escocia, Shenn da Boaldyn en Man e Galan-Mai en Gales.

Outros costumes desta festa teñen que ver coas prantas, coas que se adornaban as casas e a xente (flores, fiuncho, acivro, ortigas, serbal…) … e coa auga do mencer do día 1, ou mesmo o orballo, que bebido ou empapado na cara tiña un efecto máxico. Ou mesmo a mestura: auga+herbas(flores).

Pegada do deus Bel en Galiza

Este deus, coñecido tamén como Bilé, Bell, Belinos, Belenus, Belenos… deus do sol (aínda que o principal deus solar dos celtas fose Lugh), da luz, da curación, da Vida e a Morte, marca coa súa festa o comezo do verán celta (de Maio a Outubro), a volta da terra á vida despois do letargo invernal, o renacemento da vida vexetal.

O seu nome quere dicir branco ou brillante na nosa perdida lingua goidélica (orixinalmente tiña un -o final: Belo), e aínda o temos na toponimia do noso país: Belmonte, Belmil, Belelcón, Belelle, Belpellos, Belesar, Belga, Belante, Beloi, Beliña, Beleiriz, Belade, Beldoña, Beledo, Beleseira, Belote, Belir…

Festas con posibles pegadas destas tradicións celtas aínda perviven ademais de en Roo, en San Orente, Ponte Cesures, Cambados, A Pobra do Caramiñal, Redondela, Braga…