Seguindo co relato da conquista galega de Irlanda, publicamos aquí unha tradución libre a partir da versión inglesa do poema que conta a lenda que recitou o druida xefe e fillo do príncipe celta Mil, en canto puxo pe sobre aquelas terras.

Mil navegou cos seus fillos a través do mar que une Galiza con Irlanda, acompañado por 36 xefes con cadansúa barca chea de guerreiros, dispostos a vengar a morte de Ith a mans dos Tuatha dé Danann, donos daquela da illa.

Grazas aos poderes do druida Amergin (pronunciado Ámorguin), atoparon o punto exacto onde desmbarcara anteriormente Ith, e desmbarcaron o día primeiro de Maio, que era a festa de Beltaine, é dicir, o comezo do medio ano de verán dos celtas.

Amergin foi o primeiro en pisar terra irlandesa e daquela recitou un poema que se conserva xunto con outros atribuidos ao mesmo Amergin nos libros de Lecan e de Ballymote, e que din que son os máis antigos da literatura irlandesa (ou deberíamos dicir da literatura galega?), exemplos fermosísimos das crenzas panteistas dos nosos antergos:


Eu son o vento que sopra sobre o mar;
Son a onda do océano;
Son o murmurio da maré;
Son sete batallóns;
Son un touro poderoso;
Son unha aguia encol dunha pena;
Son un raio do sol;
Son a máis fermosa das herbas;
Son un bravo xabarín salvaxe;
Son un salmón na auga;
Son un lago nunha chaira;
Son un astuto artista;
Son un xigantesco campeón empuñando a espada;
Podo moldear a miña forma como un deus.
En que dirección habemos ir?
Deberemos ter o noso consello no vale
ou sobre o cumio da montaña?
Onde habemos facer o noso fogar?
Que terra é mellor ca esta illa do sol poñente?
Por onde habemos andar indo e vindo en paz e seguridade?
Quen vos pode atopar fontes claras de auga como eu podo?
Quen vos pode dicir a idade da Lúa senón eu?
Quen pode chamar polos peixes da profundidade do mar como eu podo?
Quen pode facer que se acheguen á costa como eu podo?
Quen pode trocar as formas dos outeiros e os promontorios como eu podo?
Son un bardo que é chamado polos mariñeiros para profetizar.
Hanse empuñar as lanzas para vengar os nosos erros.
Eu profetizo a victoria.
Eu remato o meu cantar coa profecía de todas as demais cousas boas.