Tal día coma hoxe, na festividade celta de Beltaine (comezo dos seis meses de verán), os irmáns dos nosos antergos castrexos desembarcaron nas costas de Eire e comezaron a súa conquista. Alí lles deixarían a súa lingua (o celta goidélico), a raza (son considerados os primeiros habitantes gaélicos da illa) e cultura, dando orixe á nación celta por excelencia.

Segundo as crónicas do Lebor Gabála Érenn (Libro das Invasións), os milesians (fillos de Mil ou Milé) chegaron a poboar as terras da illa esmeralda desde a Península Ibérica tras divisar Ith a súa costa desde o alto da Torre de Hércules, construida polo seu pai Bregon (ou Breogán). Polo tanto fica claro que se refiren a guerreiros procedentes Brigantia, no que hoxe é Galiza. Esta teoría da invasión galega de Irlanda semella confirmada cos recentes estudos xenéticos comparativos feitos entre irlandeses, británicos e pobos do norte ibérico.

O día da festa do deus Bel (Beltaine, pronunciado Biaultin) chegaron Mil e os seus oito fillos e noras á desembocadura do río Kenmare, acompañados por trinta e seis embarcacións de coiro cheas de soldados dirixidos por cadanseu xefe de clan, e comezaron a loita contra os habitantes por aquel entón da illa, os Tuatha dé Danann (o pobo da deusa Danu). Conta a lenda que a loita foi noble e nela os druidas de cada parte empregaron feitizos e invocacións máxicas, e que rematou tras varias batallas coa rendición dos Tuatha dé Dannan, que se di que eran deuses, e que se retiraron baixo a superficie da terra.

Algúns protagonistas desta epopeia galega foron: Amergin o do bo xeonllo (druida xefe do exército milesián, primeiro en desembarcar e autor dos considerados primeiros poemas da literatura irlandesa), Donn (fillo maior de Mil, que morreu na invasión), Eber (fillo de Mil e rei da metade de Irlanda tras a conquista), Eremon (outro fillo de Mil e finalmente rei de toda Irlanda), Ith (tío de Mil, o primeiro en chegar nunha primeira expedición e que foi asasinado traidoramente polos Tuatha dé Danann) e Aranon (outro fillo de Mil, morto no desembarco).

Cadro xenealóxico dos Milesiáns.

Ademais, foron os galegos milesiáns os que bautizaron a illa, segundo conta a lenda, tras negocialo con tres deusas pertencentes ao Tuatha dé Danann (Banba, Fotla e Eriu). Foi esta derradeira a elexida finalmente, na súa forma xenitiva Erinn (a (terra) de Eriu) para bautizaren a terra recén conquistada.

Outeiro de Tara