A xente da miña xeración viviu, quizás, os derradeiros tempos dunha época irrepetible tras da que moitos dos labores e oficios tradicionais dos galegos pasaron de ser un medio de vida, a seren un mero obxecto de estudo, ou un reclamo turístico, e as ferramentas que empregabamos a cotío, convertironse en reliquias de museo nun curto espazo de tempo despois prestar servizo durante séculos.

Por iso, porque sabemos que, se nós non contamos o que vivimos, non haberá ninguén detrás que coñeza aquel mundo rural que era Galicia ata os anos 70- 80 do século pasado, é polo que a algún nos deu por escribir simplemente as nosas cousas… as nosas lembranzas.

Agardo non aburrir coas miñas aos lectores da Biblioteca de Fillos.

Houbo outros tempos, cando eu era unha nena, nos que non había, coma agora, coches nas casas que nos permitiran ir ás vilas mercar a calquera hora. Tampouco había moitas estradas e as que había eran de terra e cheas de pedras e as viaxes facíanse eternas.

Daquela ir buscar un simple carrete de fío, ou un quilo de laranxas, podía levarnos case o día, porque a “liña” (o autobús) pasaba ás dez da mañá e regresaba arredor das cinco e media da tarde.

Por aquel tempo os vendedores ambulantes tiñan moita importancia, só herdada na actualidade polos panadeiros, peixeiros e vendedores ambulantes de conxelados que percorren as pistas e estradas de Galicia cada día.

Houbo na miña infancia dous ou tres personaxes deste oficio dos que gardo memoria.

Un deles era “o Lé” , un home baixo, gordiño, de ombreiros anchos e pernas curtas, entrado nunha idade indefinible entre a madurez e a vellez.

O Lé chamábase en realidade Manuel, pero ninguén lle chamaba así senón que tivera que falar con el cara a cara. Sempre falabamos del como Lé.
Era de Liñares de Vilafurada, pero coido que moito tempo alí non pasaba, porque o seu oficio tíñao decote polos camiños, de aldea en aldea, acompañado sempre dunha besta na que carretaba unha maleta de madeira ben atada ó lombo do manso animal.

Cando chegaba ao meu pobo, tocaba o chifre para que todos souberan que estaba alí, na Pereira ou na casa de Ferreiro, e desataba a carga con moito coidado, colocando a maleta no chan.
Logo, con moito agarimo e cerimonia, abría aquela tapa de madeira diante dos ollos abraiados da concorrencia (mulleres e nenos) e amosaba unha por unha as tres bandexas que levaba dentro, onde se ordenaban coidadosamente todo tipo de enseres necesarios nunha casa por aqueles tempos: carretes de fío, agullas, dedais, tesoiras, cintas de raso ou de nailon, de varias cores, navallas, peites, cepillos para o pelo e os dentes, etc.

O Lé era todo un personaxe, un pícaro simpático e burlón. Facíalles moitas bromas ás mulleres que se rían a gargalladas cos enxeñosos e picantes contos que lles contaba, mentres os nenos mirabamos extasiados aquela sucesión de pequenos compartimentos cheos de obxectos de tódalas cores que nos semellaban prezados tesouros.

Pero o Lé non sempre estaba de bo humor, tiña un xenio levado do demo se lle tocabamos nas cousas sen o seu permiso, e, por iso, tiñamos bo coidado de non mete-la man na maleta por ningunha circunstancia a menos que nos mandara el.

Os días de festa, como o de San Bieito, San Pedro, as Neves ou San Cibrán, o Lé cambiaba de maleta e chegaba ó campo da festa coa súa besta cargada de xoguetes que expoñía nun tenderete de madeira , ben á vista de todos. Alí tiña unha chea de argalladas de plástico (tamén coidadosamente ordenadas) como minúsculos porróns (uns igualiños ós de cristal que poñiamos na mesa o día da mallega e outros coma os de barro que levabamos con auga para o monte no tempo da sega) e muíños de café recheos de anises. Tamén había bolsas de caramelos, paquetes pequenos de galletas Fontaneda, chifres, trompetas e guitarras, bonecas e camións, muíños de papel…

Era o lugar máis visitado da festa porque todos os nenos e nenas arreabamos ós nosos pais da man para que nos mercasen “algo”. Moi pouquiñas veces tiñamos oportunidade de mercar xoguetes e lambetadas, e había que aproveitar 🙂

Iso sen contar con que daquela era costume, cando se atopaba a un parente ou amigo cos seus fillos, botar man ó peto e darlles unha moeda (de un peso ou de cinco) a cada un.
Ningunha chegaba á casa á noite, todas ían cara Liñares nas alforxas da besta do Lé !

Mª Luisa Álvarez
A Fonsagrada- Lugo

Publicado anteriormente en PlanetaGalego