O uso de che, vos, lle e lles para buscar ou salientar a complicidade do noso interlocutor, é un aspecto moi enxebre da nosa lingua.

Se dicimos por exemplo “O rapaz estache ben tolo” en troques de “O rapaz está ben tolo”, expresamos unha complicidade ou solidariedade entre o que fala e o que escoita, que non existe se non poñemos o che, co que queda unha frase máis neutra.

Por iso estas formas non son moi comúns na escrita aínda que si na fala, sobre todo entre amigos ou persoas que teñen moita confianza. De todos xeitos tamén existe o lle para expresar o mesmo pero tratando de vostede, con respecto, ao noso interlocutor: “A xente nova elle ben preguiceira”.

Cando falamos con varias persoas utilízase vos ou lles.

Esta forma do pronome pode usarse ao mesmo tempo que outras, dando pe a combinacións como as seguintes, nas que sempre vai diante do outro pronome:

“Mamai deume unha labazada” “Mamai déucheme unha labazada”.

“Non te queixes máis” “Non che me queixes máis”.

Tamén o caso de 3 pronomes (solidario, obxecto indirecto e directo):

“As patacas preparóunolas de contado” “As patacas preparóuchenolas de contado”.