En resposta a unha pregunta que fixo fai un tempo Débora Campos na rolda Fillos-L, quero contar todas estas cousas sobre este humilde labor de coidar as vacas, e as lembrabzas que teño do tempo en que eu, unha nena da montaña luguesa, o facía a cotío.


Nacín nunha aldeíña da Fonsagrada, filla de pais labregos, e nas dúas primeiras décadas da miña vida fun coas vacas moitas veces, coma calquera neno ou nena do mundo rural nesa época.

Daquela (nos anos 60) a miña casa era a que tiña o rabaño máis grande do pobo, con sete vacas, que era moito comparado coas 4-5 que tiñan os demais viciños.

Aparte das vacas, na miña casa tiñamos tamén un touro que servía de semental para as vacas de toda a rodeada. Pero este non ía a cotío coas vacas para o prado, senón que adoitaba quedar na corte. Era un animal moi grande, con moita corpulencia e non era doado de manexar.

As nosas vacas tiñan nomes coma os que conta Luis Gómez: A Tora , a Marela, a Xovenca, a Gallarda (que tiña unha pata medio torta e saltaba todas as sebes, pero daba moito leite ) a Lucera, a Teixa, e a Moura enchían a corte que estaba debaixo dos cuartos da miña casa, e que, nun recanto preto da porta que daba ao horto, servía tamén coma poleiro das pitas.

En algúns tempos tivemos tamén un bo rabaño de ovellas, pero eu era moi pequeniña cando o venderon meus pais e só lembro o día que xuntaron todas as ovellas na eira pola tardiña para que pola mañá cedo o novo dono se fixera cargo delas.

Daquela as cortes das vacas non estaban pisadas de formigón , nin tiñan canle para o purín, coma agora, senón que estaban directamente sobre a terra ou sobre lastras de pedra que se estraban de toxos, xestas e folgueiras (estrume) sobre as que se botaba un feixiño de palla cada día. Este traballo de estrar as vacas facíase pola tardiña, antes de que os pastores voltasen con elas do prado.

Os labregos amañábanlles unha boa cama ás súas vacas antes de choelas e de “despachalas”, é dicir de darlles a cea, botarlles os xatos a mamar e muxilas.

Na corte había un presebe ou manxadoira feito con pedras ou madeira, pegado á parede, onde se lles botaba a fariña ou a auga, e por riba del unha escada de madeira colocada case en horizontal onde se poñía a herba para que os animais tirasen dende abaixo por ela.

Cada vaca tiña o seu lugar na corte e atábanse polo pescozo con unha cadea de ferro que se prendía a unha argola, tamén de ferro, ou á relleira de madeira do presebe, onde xa había uns furados para iso.

Verán e inverno, senón que houbese neve, as vacas saían aos prados cada día, e había que ir con elas para tornar que non entrasen nas leiras ou nos prados dos outros viciños e que non se agarrasen con outras se as atopaban no camiño, porque as vacas da mesma casa poucas veces pelexaban estando fora, pero cando atopaban ás das outras casas turrábanlles de boa gaña.

Cando o prado estaba pechado era doado e pracenteiro ir con elas. Só había que pecharlles a cancela e agardar xogando, lendo ou buscando grilos ou niños, a que estivesen cheas, o que dependendo da cantidade de herba que tivese o prado o mesmo podía levar hora e media como dúas ou tres, así que había que armarse de paciencia .

O peor era cando as había que alindar nun prado ou leira abertos no medio de outros, porque entón non se podía despistar un nin un chisquiño, e había que estar correndo dun lado a outro para tornar que non comesen fóra do que era de un , nin pisasen as colleitas que estaban a carón do pasteiro.

As vacas paridas de pouco non se levaban os primeiros días, ficaban na corte, e despois levábanse tapadiñas cunha manta vella de trapos e algodón tecidos no tear para que non pasasen frío.

Os nenos, as mulleres, ou os homes menos fortes ou menos competentes da casa (aqueles que non podían facer outro traballo) eran xeralmente os pastores.

No meu tempo xa os rapaciños e rapaciñas pasabamos moito tempo na escola, e entón só podiamos traballar pola tarde, dende que remataba a xornada escolar, pero no tempo dos meus pais e dos meus avós a maior parte dos nenos e nenas só ían á escola dous ou tres meses no inverno, cando non había moito traballo nas casas.

A pesar diso, coñezo, por exemplo, a un notario ilustre da cidade de Lugo que me contou que cando ía coas vacas, de rapaz, levaba, a maiores da aguillada e o paraugas, os seus libros de leis baixo o brazo e que así estudiou boa parte da súa carreira: nos prados, mentres alindaba as vacas. E tamén llo teño escoitado a outros persoeiros de Galicia.

Na miña aldea, e penso que seguramente en toda a montaña galega, as vacas levaban un colar de coiro cunha cinzarra ou unha choca, para que, cando pacían no monte, puidésemos saber por onde andaban, porque daquela as vacas durmían sempre na casa e á tardiña había que xuntalas para choelas.

Se faltaba algunha pasabamos a noite buscándoa.

Na miña casa todas levaban cinzarra, unha campaíña dourada que tiña un son máis agudo e musical cas chocas que son campás máis longas de latón con un son moito máis grave.

Sempre que penso nas vacas, véñenme á memoria eses sons, e lembro especialmente o das chocas das vacas que pacen nos montes de Ancares, onde a orografía fai de caixa de resonancia e escoitase cada paso que dan a moitos Km. á redonda.

As vacas eran a riqueza da casa. A maior parte dos poucos cartos que se obtiñan na casa viñan da venda dos tenreiros, que se criaban ata os nove ou dez meses e logo vendíanse para carne.

Tamén se sacaba algo do leite, que se muxía á man, e se sacaba en bidóns á estrada para que o camión o levase para Meira, onde estaba daquela a única industria láctea que o recollía pola bisbarra.

Meus pais foron por un tempo os encargados de recoller o leite de toda a aldea, medilo e baixalo todo xunto nos bidóns. Lembro ás mulleres vertendo os caldeiros de leite na medida e os cartóns onde se apuntaba o que levaban cada día, permanentemente colgados da parede na cociña da miña casa, ata que amarelaban co fume.

Cando unha vaca morría era unha desgracia que conmocionaba á familia e a toda a aldea, xa que con ela marchaba unha parte moi notable da economía familiar.

Hoxe cambiaron as tornas, as explotacións modernas van gañando terreo, e este sinxelo e importante labor estase a perder. Isto é debido a que nas bisbarras onde se traballa con vacas de leite, estas están nas cortes sempre (en grandes naves que semellan laboratorios, con salas para muxir con máquinas e tanques para gardar o leite refrixerado) e non saen pacer. E nas que teñen gando de carne estase implantando pouco a pouco o sistema de grandes pastizais cercados onde as vacas viven á intemperie todo o ano.

Sexa como sexa , aquí quedan estas lembranzas, para que moitos de vos coñezades os traballos que, con seguridade, facían moitos dos vosos antepasados galegos.

Mª Luisa Álvarez Gutiérrez
A Fonsagrada-Lugo
Agosto de 2005