Damos a seguir os nomes e características das fincas en Galicia, mais convén advertir que non só non os damos todos senón que un mesmo nome non ten en toda ela a mesma significación: uns nomes trocaron nalgúns sitios de obxecto; noutros perdeuse a designación, pasando en troques ó toponímico; nalgúns, en fin, é totalmente ignorado na actualidade.

Limitarémonos, pois, a da-los máis correntes, sinalando algúns localismos que poidan ter interés especial.

Herdade ou Eido.
Dase en xeral este nome a calquera caste de finca particular anque, de preferencia, designa aquelas que se destinan ó cultivo e non as que se adican a leña e monte.
Tapada.
Anaco de terreo que se rodea con muros ou sebes, polo xeral adicado a monte e leña.
Leira.
Nalgúns sitios é unha herdade destinada a cereáis e patacas e que carece de auga, mais serve tamén pra sinalar un anaco de finca que se traballa dunha vez; así, unha herdade divídese en leiras que se van traballando  sucesivamente; claro está que soamente se fai en terras de certa extensión.

Seara.
Anaco pequeño ou grande de terra de cultivo. En Entrimo (Ourense) dase este nome ó burato de entrada das augas de rego nas fincas.

Cabada.
Anaco de monte ou herdade preparada pra o cultivo.

Estivada.
Anaco de monte rozado, queimado e sachado pra sementar nel centeo.

Cortello.
Finca cercada de muro e que ten derredor videiras en forma de latas ou parras, adicándose a centeo ou calquera outra caste de cultivo.

Ferrada.
Herdade situada nunha ladeira e co desnivel correxido por medio de arribadas ou socalcos, sorte de escalóns que achairan a terra. Este nome aplícase en Entrimo (Ourense).

Barbeito.
Terra de ruin calidade e sen rega na que se alternan os cultivos, de centeo e patacas polo xeral. Cando os barbeitos son moi pobres déixanse un ano ermos ou de poula, isto é, sen cultivo.

Veiga.
En realidade non designa unha caste de herdades senón un conxunto de fincas adicadas ó millo. Ben se comprende que, na orixe, a veiga é o terreo bo situado nas beiras das valgadas que, por adicarse ó millo, perdeu a designación primitiva que pasou as herdades feitas nel.

Ribeira ou viña.
Herdade destinada ó cultivo das videiras. O nome de ribeira dase tamén ó conxunto destas terras. Xeografícamente, ribeira é a parte baixa das terras, na beira dos ríos, completándose coas designacións de montaña, que son as partes altas, e bocarribeira, que sinala o tránsito entre as dúas.
Chousa, horta ou hortelizo.
Anaco de terra boa, polo xeral pequeno; sitúase a carón da casa ou, polo menos, preto dela; adícase a cultivos que requeren certos coidados, polo que conven telas a man. Nelas colléitanse as hortalizas ou rianxo.

Touza.
Anaco de monte tapado e destinado a leña e estrume.

Bouza.
Nuns lugares designa un terreo cheo de arbres e monte baixo, namentres que noutros é o que ten soamente monte baixo.

Devesa.
Finca destinada a leña, ben sexa de arbres, ben de monte, con uces, xestas, etc.

Cortiña.
Terreo cercado de paredes e no que medran arbres destinadas a leña.

Carballeira.
Cortiña na que medran principalmente carballos.

Souto.
Anaco de monte adicado os castiñeiros. Deste nome derívase o verbo “asoutar” que indica a acción de recolle-las castañas cando é o seu tempo. As máis das veces, os soutos non teñen vedación ningunha anque adoitan ter un muro na parte que linda co camiño. É interesante o feito de que os nosos campesiños gardan, ou gardaban polo menos até hai pouco, co castiñeiro un precepto da Biblia falando das meses (Lev. XIX, 9 e XXIII, 22): cando un souto está á beira dun camino as castañas que caen neste non se recollen, deixándoas pra os pobres e os peregrinos.

Piñeiral.
Monte plantado de piñeiros. O piñeiral pode estar en terreo particular ou en comunal. No último caso, os piñeiros poden ser de tódolos veciños que aplican o produto da venda ás cargas comúns, aproveitando persoalmente a frouma, piñas, a casca, etc. Outras veces, pártese o monte comunal en meras e o que quere planta nel piñeiros que quedan da súa propiedade anque o monte siga sendo do común. Ó piñeiral non rende máis produto có das arbres xa que os piñeiros non deixan medrar otra cousa ó seu carón.

Pomareira ou pomar.
Terreo destinado a mazairas. Deberon ter en Galicia certa importancia mais hoxe desapareceron en grande parte.

Mimosal.
Anaco de monte en que medran as mimosas; estas arbres inzan de tal xeito e medran tan bastas que non se atopa onde elas cousa que valla. Como eles, pola súa parte, non dan maior proveito e se non atopa xeito de os descatar, o mimosal vén sendo un terreo perdido pra o home. Pra que o mimosal non se extenda, fánselle  derredor unhas zanxas fondas que deteñen as raíces.

Enxido.
Finca de tamaño variable que se destina ó cultivo de arbres de froita de distintas castes. Este nome dase tamén
nalgúns sitios ó terreo que está derredor da casa.

Nabal ou nabeira.
Herdade de boa calidade, con rega, que se destina a cultivar nabos, patacas e millo. Polo xeral, altérnase nelas co liño, polo que tamén reciben, cando isto sucede, o nome de liñeiras.

Liñeira.
Finca adicada ó liño, idéntica por veces ó nabal. A grande cantidade de toponímicos derivados do liño que se atopan en Galicia demostra a importancia que o liño tivo en tempos pasados.

Toxeira ou toxal.
Terreo destinado a toxos, que unhas veces son empregados coma estrume e outras pra lle dar ó gado. Os toxais
poden ser particulares ou meras de comunal pra o aproveitamento do monte durante un tempo determinado.

Xesteira ou xestal.
Monte no que se crían xestas das que se bota man como leña pra quenta-los fornos de coce-lo pan.

Coutada.
En xeral, é un anaco de monte pechado con muros ou sebes. En certos sitios, como en Viana do Bolo (Ourense), dáselle este nome ó comunal que se veda durante o vran pra pasta-la facenda e que preparan antes con rozas e queimas.

Pastureiro.
Non é propiamente unha herdade xa que o nome é aplicado a calquera anaco de terreo, pechado ou non, comunal ou particular, ó que se pode levar a pasta-la facenda.

Campo ou prado.
Finca destinada á produción de herba. Os campos renden herba verde e feno, polo xeral, anque algúns soamente se usan pra herba verde e entón chámanse campos de fouciña. Estas herdades precisan moita auga e a calidade e cantidade da herba depende das regas. Pola parte de Viana do Bolo (Ourense) atópanse os chamados prados de gala que son aqueles que se regan coas augas que pasan polas rúas que, por levaren algo de esterco, producen mellor herba.

Corgo.
Prado pequeno e de pouca rega que se usa pra levar alí o gado a pastar sen lle sega-la herba.

Lameiro.
Campo que ten moita auga, non so por lle vir de fóra senón por nacer tamén nel.

Lama.
Por Viana do Bolo é un anaco de monte destinado a pasta-la facenda; adoita ser comunal e aprovéitano tódolos
vecinos conxuntamente ou arrendarlo a algún que o disfroita so. Este arrendamento faise por subasta ou puxa no mes de xaneiro e dura un ano.

Braña.
Dánselle varias acepción a este nome anque todas indican un terreo pra pastos. O máis corrente é
designar con el os anacos de monte os que se sobe a facenda polo vran cando falta o pasto no monte baixo.

Boedo.
Terra de gándara na que medra espontaneamente o pasto, que se aproveita levando alí a facenda a pastar. Adoitan ser comunais.

Fóra da designación que se da as terras polas súas características, teñen tamén cada unha o seu nome. Este toponímico responde a causas diversas e aplícaselle por unha circunstancia calquera que o individualice.

Polo xeral, o nome corresponde as herdades situadas nun lugar calquera e non a unha soa. Por isto precísase unha designación máis completa pra cada unha délas.

Así, un campesiño, ó falar das súas terras, dirá “O nabal de Rosén”, “A cortiña do Santo”, “O campo dos Piliteiros”, “O barbeito de Solme”, “O souto de Gardabó”. Mais cando quere referirse as doutro, a designación é máis complexa e longa: “A cortiña do Benito en Godo”. “A touza da Antonia no Porto”, «A liñeira do Xastre na Gravelide”, “O lameiro do
Roque nas Trillas’ …