Co nome de Gallaecia os romanos designaban unha província que englobaba a actual Galiza (aproximadamente o convento lucense), o norte de Portugal (bracarense) e o que hoxe e Asturias e León (asturicense). León (Legio) era o campamento militar da Gallaecia.

Castelo de SoutomaiorSobre ese mesmo espazo exerceu a sua xurisdición o Reino suevo, ampliado no s. VI cara ao sur (até Lisboa), de tal maneira que os futuros reinos de Portugal e de León eran parte integrante do Galiciense Regnum; eran Galiza.

Afonso IIITras a caida do Reino visigodo de Toledo (711) ante a chegada dos musulmáns, restabeleceu-se axiña (Afonso III, 878) o espazo político da antiga Gallaecia, cuxo núcleo principal -por causa da vulnerabilidade de Braga e Astorga- era a Galiza nuclear, é dicer a actual, tanto desde o ponto de vista territorial, como demográfico, como -a partir do descobrimento do sepulcro de Santiago (813)– ideolóxico-relixioso. Por iso as crónicas da época (árabes e cristiás) e a maior parte dos diplomas, denomina-no desa forma, Reino de Galiza.

Pero o estabelecimento da Corte Real en León (Ordoño II, 914) fai que o território en torno a esta cidade -que se arroga parte da xurisdición eclesiástica antes pertencente a Astorga-, se vaia individualizando con respecto á Galiza lucense. E outro tanto acontece nos territórios situados ao sur do Miño desde o s. XI, nucleados ao redor da restaurada sé bracarense.

O antigo espazo da Gallaecia fractura-se en duas fases sucesivas: en 1121 coa independéncia de Portugal; en 1230 coa integración de Galiza-León con Castela, constituindo-se Galiza por unha parte e León pola outra en entidades administrativas enteiramente separadas, castelanizándo-se esta última e ficando Galiza cada vez máis á marxe das decisións políticas.

Nese período impon-se o critério dun sector das clases dirixentes galegas, partidario de enfocar as suas espectactivas cara á Meseta, na ocupación de territorios musulmáns e, por parte do alto clero, de manter a alianza estreita coa Monarquía castelá.

Sen embargo haberá tamén outro importante sector nobiliar orientado cara a Portugal. Entre a nobreza galega e portuguesa existen estreitísimos vínculos transfronteirizos, tanto familiares como patrimoniais. Durante o s. XIV esta tendencia mantivo gran vitalidade, con personaxes tan representativos como a mitificada Inés de Castro (casada co príncipe herdeiro de Portugal), o seu irmán Fernando de Castro (valedor de Fernando I de Portugal en Galiza), Xoán Fernández de Andeiro (gobernador da Coruña por ese mesmo rei) ou Nuno Pérez de Andrade.

Seguramente o acontecimento de maior trascendéncia neste sentido (o enfoque de Galiza cara a Portugal) estivo constituido precisamente pola pretensión (finalmente fracasada) de entronizar en Galiza ao monarca portugués Fernando I, quen logrou manter a súa influéncia (especialmente na cidade da Coruña) entre os anos 1369 e 1374 -no decurso da guerra trastamarista-, contando co apoio dese sector da nobreza e dos Concellos urbanos.

Sen dúbida esta orientación política, diametralmente oposta á representada pola expansión territorial castelá en Andalucía, propiciaba as relacións marítimas de Galiza con Inglaterra e Portugal, vitais para as exportacións galegas de peixe e viño.

En 1474 reaparece esta tendéncia, no momento de decidir a sucesión de Enrique IV. Castela inclinouse por Isabel, casada con Fernando de Aragón (con metas políticas en Andalucía e o Mediterráneo), en tanto que parte da nobreza galega (sobre todo Pedro Alvarez de Soutomaior) optaban por Xoana e a alianza con Portugal.

A imposición do Estado Moderno subseguinte ao trunfo dos Reis Católicos consolidou a opción mediterráneo-andaluza e marxinou totalmente a opción atlántica de Galiza, xusto no momento de apertura das rotas transoceánicas.