Desde o s. IV a Igrexa asume funcións de dirección no Império Romano, reemprazando en boa medida ás institucións civis como ponto de referéncia para a povoación. Papel político que aumenta desde a instauración do Reino suevo, primeiro como elemento vertebrador dos galaico-romanos (católicos), constituindo os bispos a autoridade recoñecida por estes, e desde a conversión do 449 para todo o Reino. Pese á volta ao arrianismo entre o 465 e o 550, os bispos, e en particular o de Braga, deberon manter unha influéncia moi relevante. Por fin, a partir da actividade de Martiño, a Monarquia asume unha fasquia teocrática e a estrutura administrativa asenta na sé episcopal. Constituia-se desta forma unha Igrexa Nacional, auténtico soporte do Reino.

Pórtico da catedral de OurenseA desaparición do Reino suevo (585) non anulou a forza da Igrexa galega, senón que o seu modelo (sés episcopais e Concílios asesores do monarca) transferiron-se á monarquia toledana dos visigodos tras a sua inmediata conversión ao catolicismo (589), e a xerarquia eclesiástica galega mantivo toda a sua puxanza, beneficiando-se do apoio estatal, como se percebe na releváncia do arcebispo Frutuoso de Braga, no s. VII, renovador do monaquismo.

Neste aspecto nada se alterou tampouco coa liquidación do reino visigodo polos árabes no 711, pois na Galiza (libre do poder musulmán), tras un periodo de posíbel indecisión (s. VIII), durante o cal se procede a unha reestruturación do poder, axiña reaparece un poder político de novo sustentado pola xerarquia episcopal.

En efecto, as transformacións que entón se operan supoñen a extensión do poder señorial por todo o território, tarefa na que aparecen íntimamente asociadas a acción da realeza (reis de Oviedo) e a alta xerarquia episcopal, cuxo centro se ubica definitivamente en Compostela tras o descobrimento do sepulcro de Santiago, sustituindo as antigas preeminencias de Braga e Toledo. A custódia da relíquia e o control señorial da cidade santa promociona ao clero compostelán.

Desde ese momento (813) pode-se apreciar como toda a organización política do Reino repousa en senllos piares constiuidos, de novo, pola Monarquia e a Igrexa (o episcopado compostelán fundamentalmente), elementos clave do poder feudal, depositários respectivamente da función militar e da ideolóxica, con figuras tan sobresaintes como Sisnando, Rosendo, Crescánio e, sobre todo, Xelmírez, primeiro arcebispo (1120).

Fernando II, soterrado no Panteón Real de SantiagoA situación é semellante en toda Europa. Sen embargo para Galiza as cousas varian desde que no ano 1230 o Reino se integra con Castela, adoptando cada vez unha posición máis subsidiária, pois o alto clero episcopal manten invariábel a alianza coa Monarquia, cando esta emprende un proceso de rápido apartamento de Galiza, mesmo físico, posto que asenta na cidade de Toledo. Desta forma o alto clero galego (a miúdo de orixe foránea) convirte-se en apéndice dun poder réxio xa non galego, senón castelán, devaluado en certa medida pola concesión da primacia a Toledo frente a Santiago, pero altamente beneficiado en cámbio pola continua concesión de priviléxios económicos e xurisdiccionais, que converten aos bispos nos señores feudais indiscutibeis de Galiza.

En contrapartida o episcopado galego apoiou sempre belixerantemente as opcións políticas máis conservadoras; e dicer, aquelas que naturalmente consolidaban esa preeminéncia social e económica fronte a competéncia da nobreza laica e aos anceios emancipadores dos Concellos urbanos.

Tal posicionamento tivo unha negativísima correspondencia no plano cultural, posto que como e lóxico os bispos constituiron a primeira via de penetración do castelán, lingua da Corte, cando todos os demais sectores (incluso eclesiásticos, como Cabildos catedralícios e mosteiros) continuaban a empregar sistematicamente o galego. Neste sentido o exemplo paradigmático atopamo-lo no arcebispo Afonso de Fonseca: cultivador do castelán e introductor do Estado autoritário dos Reis Católicos en Galiza.