No século III os romanos aplicaron oficialmente o nome de Gallaecia á província que ocupaba o noroeste da Península Ibérica.

Igrexa visigoda de Santa Comba de BandeNo ano 410 constituia-se sobre ela un Reino independente, o primeiro da Europa medieval, gobernado polos reis suevos. Mediante un tratado con Roma (“foedus“) ese territorio emancipaba-se do Império e estabelecia unha estrutura estatal própria. Uns anos despois, no 449, mediante a conversión dos suevos ao catolicismo, producia-se a síntese entre ambas povoacións e poñian-se así as bases da actual nacionalidade galega. Na segunda metade do século VI, animado pola presenza de Martiño de Dumio e grácias á acción de vários monarcas, ese Reino, extendido desde o Cantábrico até Lisboa, coñecia momentos de gran esplendor político e cultural.


Anexionado polos visigodos no 585
, non por iso perdeu a conciéncia de ser un Reino, e asi o recoñecia tamén institucionalmente a monarquía toledana, cuxos reis o eran de Hispánia e de Galiza (e da Galia narbonense), como entidades claramente diferenciadas.

Por iso, cando no 711 os árabes poñen fin ao Reino visigodo -e posto que Galiza non vai ser ocupada-, o referente do Reino de Galiza permanece intacto; desa forma se coñece e denomina o território independente do noroeste da Península Ibérica, pois efectivamente trata-se da tradicional Gallaecia romana e do Galliciense Regnum suevo. Galiza: asi é como o denominan as crónicas e como se designa nos mapas medievais o territorio. León era daquela un lugar inexistente e Astúrias un territorio da Gallaecia.

A partir do mesmo século VIII o Reino de Galiza recupera a sua andaina, e en realidade é a el ao que se refire a historiografia tradicional coas denominacións eufemísticas de Reino de Asturías ou de León -carentes ambas da máis mínima lexitimidade política nen de referéncia internacional-, polo menos até o s.X, cando comezan a marcar-se diferéncias, sobre todo políticas, entre os diferentes territorios integrantes da Gallaecia. A partir de entón, efectivamente, iranse diferenciando cada vez máis a rexión oriental (ao redor da corte da cidade de León e abranguendo o vello convento xurídico asturicense) e a de alén Miño (en torno a Braga, o convento bracarense).

En 1121 escinde-se de feito o território bracarense, no que se constituirá o Reino de Portugal (1139), definitivamente separado da antiga Gallaecia. En 1230 desaparece a unidade que mantiñan Galiza e León, pola unión de ambas con Castela; León pasará axiña a ser un apéndice de Castela. Desde entón o Reino de Galiza é exclusivamente a Galiza actual, e dicer, en eséncia o vello convento lucense da Gallaecia romana.

Ao mesmo tempo o seu papel vai decaindo nese novo conxunto (Galiza-León-Castela-etc., a chamada Coroa de Castela) debido ao desprazamento do peso político cara á Meseta e ao sur, o cal non a priva en absoluto da consideración de Reino (cuxo rei é o mesmo que o dos outros reinos da Coroa).

Sen embargo, desde que o poder dos Reis Católicos se efectiviza sobre Galiza (1486 como data simbólica), e durante todo o Antigo Réxime, esta entidade, ainda existindo, fica baleira de contidos, convertida na práctica nunha mera división administrativa, cada vez máis dependente de Castela.

Por fin, a división provincial de 1833 (cun antecedente en 1822), na rexéncia de Maria Cristina, eliminou oficialmente a fición do Reino de Galiza, desintegrando a nación en várias províncias sen relación entre elas, directamente dependentes do poder central.