O pobo galego é un pobo bíblico: todas as maldicións do antigo testamento semellan ter caído sobor dil, e singularmente a que dá o seu nome ao segundo libro. Dende un punto de vista demográfico, a emigración galega ven sustituir, no ciclo moderno, a función desempeñada no ciclo antigo pola mortalidade catastrófica -pestes, guerras e fames, frecuentemente ensarilladas. Dende un punto de vista económico, a emigración galega representa un dobre e constante desaxuste, por unha banda, antre a presión demográfica e a estructura do sistema produtivo; por outra banda, antre a capacidade de xeneración de escedente polo sistema e o uso ou destino do escedente realmente xenerado. Dende un punto de vista social, a emigración galega constitúe a manifestación masiva dunha forma de escravitude que pervive deica o noso século. Dende un punto de vista ético, a emigración galega siñifica a negación constante do dereito máis elemental da persoa: o dereito á propia vida no propio país. Dende todos iles, a emigración galega supón a renuncia á revolta.

Non hai apenas metáfora nos párrafos devanditos. Non a hai, por suposto, no enunciado da función que lle acái á emigración galega no ciclo demográfico europeo moderno, ou seña, a partir do s. XVIII. Compre decir, sin dúbida, que na Galiza algunhas das formas da mortalidade catastrófica -especialmente as fames- prolónganse moito máis adiante na nosa historia do que é norma común na Europa oucidental, e que a modalidade endémica e “menor” da fame -a distrofia- persiste deica os nosos tempos, como demostróu García-Sabell. Tamén compre sinalar que algúns tipos de emigración son constantes ben antergas na historia da Galiza -como as repoboacións na penínsua e as migracións temporeiras ou estacionáis pra a sega en Castela- sin contar formas de ésodo forzoso tales como as levas militares sin retorno. E que as pestes do tempo dos Austrias “respetaron” ás veces a Galiza, coma no caso da gran peste de mediados do s. XVII. Mais, con todo, Galiza non fai esceición ao gran pulo demográfico español do s. XVIII que abre o ciclo moderno, i é daquela cando agurgullan formas modernas de emigración definitiva, como a corrente cara Portugal estudada polo Meixide Pardo, pra se convertiren na enorme enxurrada do ésodo ás Américas no XIX.

Tampouco hai metáfora no siñificado ecnómico da nosa emigración. A propia Rosalía, que facía unha imaxe poética aos escribir que “cando van, van como rosas / cando ven, ven coma negros”, non a facía en troques ao denunciar “o eterno infortunio que afrixe aos noso aldeán e mariñeiros, soia e verdadeira xente de traballo no noso país”. A xenial intuición rosaliá non precisaba de saberes económicos: cunhas esplotacións precapitalistas campesiñas, mariñeiras e artesáns como única aitividade produtiva do país, sin unha crase social que empregase cando menos unha parte do escedente que se apropiaba en crear postos de traballo industrial, o destino dos paisáns non podía ser outro que a inanición ou o ésodo.

E se semella que fago literatura dramática cando comparo a emigración coa escravitude, velaí está, pra servir de mostra o tráxico episodio relatado por Roberto Mesa do ensaio de implantación en Cuba de colonos galegos, orgaizado co acordo do goberno español en 1854, e no que o contrato firmado por cada emigrante decía antre outras cousas: “me conformo con el salario estipulado, aunque sé y me consta que es mucho mayor el que ganan los jornaleros libres y los esclavos de la Isla de Cuba”. Mesa comenta: “Xa temos, pois, na Antilla Mayor, xunto ao escravo negro, o escravo galego, que sería eufemismo chamalo doutra maneira e crueldade falar de emigrado”.

Mais, con todo, a relevancia causal máis iñificativa da emigración galega pra a comprensión da nosa estrutura contemporá radica, penso eu, no derradeiro dos enfoques que enunciei: a emigración como renuncia á revolta. Pois non ten dúbida que a sistemática eleición da alternativa emigratoria ante un permanenete estado de sitio supón, na historia moderna das xentes galegas, unha renuncia á revolta. O cámbeo social na historia da humanidade está certamente marcado por fitos que sinalan epidsodios revolucionarios. Na edade moderna europea foron as revolucións liberáis ou burguesas, máis primeirizas ou máis serodias según os casos. Na historia da Galiza, na que a burguesía non supo ou non puido, como xa queda dito, cumplir a súa misión -nin coa violencia nin coa adrola- soio unha alborada popoular, coa conseguinte aceleración do tempo histórico, podía ter torcado a longa noite de pedra en alba de groria. Non foi así. E non porque a vea popular non latexase: Otero Pedrayo opina que “os movementos
do agro galego nos séculos XVII e XVIII, foron xurdidos da propia raigaña”, que “os grandes movementos naceron e se espallaron no seo da mesta comunidade da Galiza labrega”, e así por exemplo a longa retesía polos foros acada un relativo trunfo coa Real Provisión do 1763 que suspende os despoxos e deixa aos foreiros en posesión das terras sine die. Con todo non abondaban logros cativos. E as xentes galegas acabaron por escoller o ésodo. Se cadra non había, en realidade non había, a tal alternativa.