Galletas de manteiga ó meu xeito
Ingredientes:
- 700 g de fariña triga
- 200 g de manteiga de leite abrandada
- 200 g de azucre
- 2 ovos
- 1 cullerada de sobremesa de canela en po
- 1 cullerada de esencia vainilla
- O relado dun limón ou laranxa
- ½ limón, o zume
- 16 g (un sobre) de lévedo en po (Royal)
- 1 chisco de sal
- 1 xema de ovo batida e un pouco de azucre
- 200 g de améndoas en gran para decorar.
Preparación:
- Nunha cunca fonda ou nunha amasadora botámo-la fariña, xunto cos outros ingredientes agás a xema batida e as améndoas e amasamos a man ou coa amasadora ata ter unha masa ben integrada.
- Logo diso, pómo-la masa, en forma de rolo, nun filme transparente e enrolámolo ata ter unha especie de chourizo duns 7 cm de diámetros que meteremos na neveira primeiro e logo uns 30 minutos no conxelador antes de comezar a corta-las galletas
- Acendémo-lo forno a 180 ºC para que vaia quecendo
- Sacámoslle o filme transparente a parte do rolo de masa e cun coitelo imos cortando rebandas de entre 7-10 mm e repartíndoas nunha bandexa das do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada, poden caber entre 15 a 20 galletas, deixando espazo entre elas para que non se apeguen.
- Antes de metelas ó forno durante 7-10 minutos, pintámolas coa xema batida mesturada cun chisco de auga e esparexémoslle unhas améndoas en gran por enriba.
- Entrementres están no forno preparamos outra bandexa para metela no forno ó sacar a primeira e non perder moito tempo esperando a que arrefríe para empregala de novo.
- Hai que vixialas cando estean no forno para sacalas cando empecen a dourar
Notas:
- Podes trocar algo de fariña triga por fariña milla e engadir na masa chocolate, ou froitos secos picados.
- Tamén lle pode facer un pequeno oco no medio e pór nel un arando, ou un chisco de marmelada
- Para darlle forma as galletas, tamén podes facer bolas do tamaño dunha noz e chafalas un pouco para aplanalas, deste xeito ó non estaren todas iguais aparentan seren máis artesanais.
Tempo: 40 minutos Comensais: varias persoas